A Xunta anima as entidades sen ánimo de lucro coruñesas a solicitar as axudas para a realización de programas de carácter sociosanitario

A Xunta incrementou incrementou este ano un 40% o orzamento destes apoios con respecto á convocatoria anterior, chegando a un crédito inicial de 250.000 euros.

A asociación coruñesa ABAC atendeu 128 persoas a través dun programa intensivo para o tratamento ambulatorio de adolescentes e mulleres con Trastornos de Conduta Alimentaria que recibiu máis de 11.000 euros

A Coruña, 18 de febreiro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe a Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña (ABAC) beneficiaria das axudas que o Servizo Galego de Saúde concede a entidades sen ánimo de lucro para programas sociosanitarios.

No marco desta visita, Trenor destacou o compromiso do goberno galego neste eido anunciando que a convocatoria para o ano 2022 destas axudas, publicada a principios de xaneiro, incrementa un 40% o seu orzamento con respecto á convocatoria anterior, chegando a un crédito inicial de 250.000 euros.

O importe máximo a solicitar polas entidades pasa a ser de 16.000 euros, cando no ano anterior era de 12.000. O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata finais de febreiro.

Agárdase por tanto superar os resultados do ano pasado, no que estas axudas beneficiaron a 18 entidades que desenvolveron programas de apoio psicolóxico, de estimulación cognitiva, de integración sensorial ou de rehabilitación de fisioterapia para pacientes con trastornos do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, enfermidades raras, alzheimer, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas. Tamén parálise cerebral ou dano cerebral adquirido.

Dende Sanidade avógase por incrementar as axudas, xa que se considera que hai un labor de apoio sociosanitario a estes pacientes que vai máis alá dos centros sanitarios e ao que pode atender un tecido asociativo que en Galicia é moi potente.

Programa de intensivo de tratamento ambulatorio

Na visita ás instalacións de Abac, Trenor puxo en valor o labor que desenvolve esta entidade para axudar ás persoas con trastornos de conducta alimentaria e tamén fixo fincapé na importancia de dar visibilidade a esta problemática e concienciar a poboación sobre a realidade desta grave dolencia.-

Trenor destacou a Abac como un exemplo dese tecido, tratándose dunha asociación sen ánimo de lucro e de iniciativa social que axuda aos pacientes e asesora ás súas familias para facer fronte a este tipo de dolencia que precisa dunha atención moi especializada.

Os máis de 11.000 euros recibidos a través da convocatoria de axudas para programas sociosanitarios do Sergas en 2021 permitiron a Abac atender 128 persoas entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro. Nos resultados achegados pola entidade indicaron que un 65% das mulleres atendidas percibiron mellora na súa Imaxe corporal e un 80% adquiriu hábitos alimentarios saudables, ademáis o 25% recuperou masa muscular e un 55% melloraron a súa estabilidade emocional.

Apoio integral e transversal da Xunta

Durante a visita a Abac, Trenor destacou que as axudas do Sergas son só unha parte do apoio integral que a Xunta de Galicia presta a este tipo de entidades a través de coordinación entre os distintos departamentos autonómicos. Así, lembrou que as axudas para programas sociosanitarios da Consellería de Política Social tamén financian programas deste tipo de entidades

Imaxes relacionadas