A conselleira do Mar participou na reunión da comisión de coordinación creada tralo naufraxio rexistrado esta semana en augas canadenses

Galicia pide ao Goberno central que envíe medios aéreos a Terranova para axilizar a repatriación dos tripulantes do `Villa de Pitanxo´

Un representante da Consellería do Mar e outro da Dirección Xeral de Emerxencias desprazaranse a Terranova co fin de prestar apoio e colaborar nas xestións coas autoridades canadenses e acelerar os trámites

O Executivo galego defende que se retome o dispositivo de busca dos mariñeiros desaparecidos en canto melloren as condicións meteorolóxicas e solicita ao Goberno estatal que incorpore a esas tarefas un avión de Salvamento Marítimo

Marín (Pontevedra), 18 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia vén de solicitar ao Goberno central que desprace medios aéreos a Terranova para axilizar a repatriación dos superviventes e dos corpos dos tripulantes recuperados tralo naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo. O Goberno autonómico trasladou a súa disposición para financiaro desprazamento dunha aeronave e axilizar a repatriación no caso de que o Executivo estatal manifeste que non pode asumir o envío de ningunha aeronave a Canadá.
Así o fixo saber a conselleira do Mar, Rosa Quintana, no seo da reunión de hoxe da comisión de coordinación creada esta semana para atender e notificar a información oficial ás familias dos tripulantes. Deste encontro -no que participaron representantes da Dirección Xeral de Emerxencias, da empresa armadora, da mutua que aporta a armadora e do equipo de psicólogos que a Xunta puxo a disposición das familias dos tripulantes- déuselle traslado á Subdelegación do Goberno central que finalmente non puido acudir á xuntanza.
Durante o encontro, a conselleira tamén comunicou que a Xunta desprazará a Terranova a un representante da Consellería do Mar e outro da Dirección Xeral de Emerxencias para axilizar os trámites de repatriación coa consignataria da empresa armadora e co consulado.
En relación á busca dos mariñeiros desaparecidos, Galicia defende que se retome o dispositivo en canto melloren as condicións meteorolóxicas. Nesta liña, Galicia amosou a súa intención de solicitar ao Goberno central que desprace medios a Terranova.
Finalmente, a conselleira tamén deu traslado das liñas de axudas dispostas polo Goberno autonómico para as familias de falecidos e desaparecidos en naufraxios e pediu que se lles informara da posta a disposición de persoal da Consellería para colaborar coa súa xestión e facilitar a tramitación.