A Xunta destaca a identidade común da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a necesidade de preservar a historia compartida

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe o encontro ´´Representacións e identidades na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal´´, no que participaron expertos en Antropoloxía Economía, Historia e Lingüística de Galicia e Portugal

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe a xornada Representacións e identidades na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal xunto co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), António Cunha. O encontro foi organizado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galica-Norte de Portugal coa colaboración do Instituto de Estudos das Identidades (IEI) do Museo do Pobo Galego.
No encontro participaron académicos galegos e lusos e ata os museos etnográficos do norte do Douro para debater sobre a diversidade, semellanzas e diferenzas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e para explicar por qué esta Eurorrexión é unha historia de éxito, como salientou o director xeral. Esta xornada incidiu na necesidade de poñer en valor o papel do patrimonio cultural como elemento determinante na configuración da Eurorrexión co obxectivo, segundo indicou Jesús Gamallo, de “reforzar a reflexión sobre a historia e a lingua compartida que é algo que tiñamos que abordar para entender a nosa realidade”.
O evento desenvolveuse mediante mesas redondas e os temas a debater centráronse nas oportunidades e retos entre ambos lados da raia; sobre o territorio e as identidades na Eurorrexión Galicia-norte de Portugal. Para rematar, realizouse un análise sobre os museos e as representacións identitarias na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

En Galicia existen 285 museos cunha grande diversidade de coleccións temáticas que abordan a arte, a arqueoloxía, a etnografía e a antropoloxía. A AECT Galicia-Norte de Portugal está a contribuír estes anos ao impulso da cooperación, xestionando de maneira directa proxectos emblemáticos no eido da cooperación universitaria, da cultura, entre outros.

Imaxes relacionadas