A administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT, efectúan o seguimento do I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Sergas

O 60% das medidas incluídas no Plan de Igualdade xa están finalizadas ou en proceso de implantación

Presentouse o documento informativo para as traballadoras do Servizo Galego de Saúde en situación de violencia de xénero

Iníciase unha liña específica no marco do Plan para a protección da maternidade e dirixida ás traballadoras embarazadas da organización sanitaria
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022

No día de hoxe, na reunión da Comisión de Igualdade, da que forman parte a representación da Administración Sanitaria e das organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT, avaliouse o nivel de implantación das medidas do “I Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes no Servizo Galego de Saúde (Período 2021-2024)”, que reflicte o firme compromiso da organización sanitaria cara á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como principio básico e transversal, particularmente no que respecta ás mulleres que traballan no Servizo Galego de Saúde e nas entidades sanitarias adscritas, as cales representan o 77% do seu persoal.

Desde a aprobación deste I Plan de Igualdade, o pasado 13 de xullo de 2021, ata o día de hoxe, do total das 59 medidas de actuación incluídas no mesmo, o 20% das mesmas xa están implantadas e o 40% atópanse en proceso de desenvolvemento. Entre estas medidas finalizadas pódense destacar o deseño e posta en marcha do curso de formación de nivel básico segundo o Decreto 70/2017 adaptado á linguaxe fácil e dirixido ao persoal do Servizo Galego de Saúde con discapacidade intelectual; a realización de diferentes accións na organización para a sensibilización en materia de loita pola igualdade e prevención da violencia de xénero, como a xornada realizada o pasado 25 de novembro de 2021 na que se contou coa presenza da periodista Ángeles Caballero; o establecemento na última convocatoria de procesos selectivos do criterio de admisión do sexo infrarrepresentado antes de aplicar o criterio de maior idade do/da aspirante, caso de existir empate entre dúas ou máis persoas candidatas na orde de posición, cando nun determinado grupo, especialidade ou categoría se verifique a infrarrepresentación dun dos sexos; ou a regulación contida no apartado III.2 do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema Público de Saúde de Galicia relativa á formalización de nomeamentos estatutarios temporais de longa duración desde a data prevista para o inicio do vínculo das aspirantes que se encontren no suposto de maternidade, adopción legal e risco durante o embarazo, estenderase tamén aos supostos de I.T. común derivada do embarazo (coa correspondente acreditación que se determine).

Responsabilidade compartida

Así mesmo, e dentro do eixo específico do Plan de Igualdade para a atención a situacións de especial protección como a violencia de xénero, presentouse o documento informativo “O Servizo Galego de Saúde coas súas traballadoras en situación de violencia de xénero”, onde se recollen os dereitos laborais e económicos, recursos existentes para a sua protección e axuda así como outra información relacionada de interese. Desde a Administración sanitaria considerase que a prevención e protección das mulleres vítimas da violencia machista debe ser unha responsabilidade compartida e por iso quere estar ao lado das traballadoras do Servizo Galego de Saúde que estean vivindo unha situación de violencia de xénero.

Tamén no marco do Plan, e coa colaboración dos axentes sociais, vaise iniciar unha liña específica para a protección da maternidade e priorización do establecemento de medidas conducentes a realizar un recoñecemento expreso dos dereitos das traballadoras embarazadas do Servizo Galego de Saúde e das entidades sanitarias adscritas.

Finalmente, informouse que o vindeiro 16 de maio, coincidindo co Día internacional da convivencia en paz, Marina Marroquí, educadora social e especialista en igualdade e violencia de xénero, impartirá unha conferencia para a sensibilización nesta materia, o que, xunto con todas as medidas e actuacións incluídas no marco do Plan de Igualdade, contribuirá a crear unha cultura organizativa baseada nos principios de solidariedade, igualdade e respecto.