O Diario Oficial de Galicia publica tamén hoxe a aprobación da información pública desta actuación de mellora da seguridade viaria que supón un investimento de máis de 2,2 M€

A Xunta aproba o proxecto de construción para o acondicionamento da estrada LU-710, desde a intersección da N-VI e ata o enlace con A-6, en Baralla

Trátase do ensanche e mellora da vía, nunha lonxitude de 4,2 km, para dotala dunha plataforma ampliada a 7 metros, cun carril por sentido de 3 metros cada un

Mellorase puntualmente o trazado con variantes para aumentar a visibilidade e remodelarase a intersección coa N-VI, dispoñendo un carril central de espera e cuñas de cambio de velocidade

O departamento que dirixe Ethel Vázquez remitiu ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a proposta para o financiamento desta intervención no marco dos fondos Next Generation, pero foi rexeitada

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto construtivo do proxecto para executar as obras de mellora e acondicionamento da estrada LU-710, desde a intersección coa N-VI e ata o enlace con A-6, no concello de Baralla.

O orzamento estimado pola Xunta para levar a cabo esta actuación supera os 2,2 millóns de euros, aos que se engaden os máis de 227.000 euros para o pagamento das 138 parcelas necesarias para executar as obras. Os traballos disporán dun prazo de execución de 18 meses.

O DOG tamén publica hoxe a resolución da aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: http://xurl.es/fh4la

O obxectivo deste proxecto é mellorar a seguridade viaria na contorna para o que se propón o ensanche e mellora da estrada LU-710 entre a N-VI e a A-6, nunha lonxitude de preto de 4,2 quilómetros.

A estrada autonómica, unha vez acondicionada, contará cunha plataforma ampliada a 7 metros de sección, sen incluír as cunetas, cun carril por sentido de 3 metros cada un e beiravías de 0,5 metros.

Ademais, mellorase puntualmente o trazado con variantes, para aumentar a visibilidade e a perceptividade en tramos concretos da estrada, o que implementará a seguridade viaria.

Tamén se prevé a remodelación da intersección coa N-VI, cunha solución que canaliza, cun carril central de espera e cuñas de cambio de velocidade, os dous xiros á esquerda que actualmente se realizan de forma directa.

Finalmente, incorpórase ao proxecto a achega presentada ao proxecto inicial, dun acceso solicitado desde a estrada LU-710.

A intervención deseñada polo departamento de Infraestruturas e Mobilidade realízase baixo un criterio de respecto co medio, ao discorrer por unha zona con gran valor ambiental e paisaxístico, a ribeira do río Neira, e cunha orografía moi accidentada.

Para esta actuación o departamento que dirixe Ethel Vázquez remitiu unha proposta de financiamento ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no marco do programa Next Generation, na liña priorizada pola Xunta para a mellora da mobilidade no rural, pero en principio foi rexeitada. Non obstante, a Xunta de Galicia iniciará o procedemento expropiatorio dado que está entre as súas prioridades a execución desta obra.

Imaxes relacionadas