A Xunta concreta co concello de Viveiro as actuacións para reducir o risco de inundacións en Xunqueira

Implica investimentos que se estiman en preto de 900.000 euros e logra aumentar a canle do río Fontecova mantendo a ponte e as condicións de accesibilidade ás vivendas

Se presentaron catro alternativas ponderadas, de entre as que se seleccionou a mellor valorada tecnicamente
 

Viveiro (Lugo), 18 de febreiro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión con técnicos do Augas de Galicia, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e outros representantes y técnicos municipais para concretar as actuacións a levar a cabo para reducir o risco de inundacións en Xunqueira, na que os redactores do proxecto expuxeron catro alternativas entre as que se seleccionou a mellor valorada tecnicamente.

Esta xuntanza enmárcase nos traballos de redacción do proxecto construtivo de melloras estruturais para minorar o perigo de desbordamento do río Fontecova ao seu paso polo barrio de Xunqueira. A Xunta, a través de Augas de Galicia, asumiu a contratación deste proxecto, adxudicado en 49.600 euros que cofinancia a partes iguais co Concello de Viveiro e a Deputación Provincial.

O equipo redactor presentou catro alternativas con distintas medidas segundo os tramos do río, e Xunta e Concello analizaron as propostas e optaron pola que conseguiu en conxunto mellor valoración en base a criterios técnicos, económicos, sociais e ambientais.

Esta solución logra aumentar a canle do río ao tempo que responde ás expectativas dos veciños e veciñas de Xunqueira de conservar a ponte e o lavadoiro, aínda que con modificacións, e principalmente manter as condicións de accesibilidade ás vivendas, tanto para peóns como para vehículos.

Inclúe intervencións como a construción dun novo ollo na ponte para facilitar o paso da auga, a creación dunha canle de augas baixas e outra de augas altas ou a modificación da pendente nalgúns puntos.

O proxecto construtivo seleccionado desenvolve algunhas das medidas recollidas no Plan específico de xestión de riscos elaborado pola Xunta para Xunqueira logo das inundacións do ano 2018.

Neste sentido, Arias explicou que tanto este proxecto concreto como outras intervencións contempladas no Plan específico do río Fontecova redactado por Augas de Galicia, “teñen encaixe nunha convocatoria de fondos europeos que está aberta ata o 16 de marzo dirixida á restauración de ecosistemas fluviais e a redución de riscos de inundación en contornas urbanas, pola que se podería obter ata o 95% do orzamento necesario, para proxectos desde 500.000 a 4.000.000 euros”.

Na mesma liña, instou a traballar para que “se presente a solicitude en prazo, dado que xa temos moito traballo adiantado e pode remitirse tanto este proxecto como o Plan no seu conxunto”.

 

Imaxes relacionadas