A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a decana do COAG clausuraron os actos de conmemoración dos 20 anos de vixencia desta iniciativa educativa

A Xunta e o COAG reforzan o Proxecto Terra no 100% dos centros educativos galegos para ampliar a cultura da arquitectura e o urbanismo responsable

O Goberno galego e o Colexio de Arquitectos investiron 2 millóns de euros na última década para afianzar os contidos, as actividades e experiencias deste programa presente nas tres etapas educativas

O novo convenio, que prevé unha contía de máis de 350.000 euros, permitirá celebrar unha nova edición de Eu son inspect@r urbanístic@ e sufragar actividades fóra da aula, como visitas a exposicións de arquitectura contemporánea

Vigo, 18 de febreiro de 2022

A Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia acordan reforzar o Proxecto Terra no 100% dos centros de ensino de Galicia para ampliar a cultura da arquitectura e o urbanismo responsable.

Este reto será viable grazas ao novo convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o COAG, renovado esta mañá tras a sinatura do mesmo por parte da conselleira, Ángeles Vázquez, e a decana, Elena Ampudia, e que prevé un orzamento de 355.555 euros para os próximos dous anos, dos cales a Xunta achega un 90%.

Esta iniciativa naceu no ano 2003 e hoxe, grazas ao apoio ao longo deste anos nos que ambas entidades mobilizaron 2 M€ na última década, é un proxecto afianzado, con contidos útiles, actividades de interese e experiencias formativas para as tres etapas educativas (infantil, primaria e secundaria).

A conselleira destacou que estas actuacións camiñan na consecución dun obxectivo claramente definido e compartido, como é mellorar o coñecemento que a cidadanía de Galicia debe ter do urbanismo, a arquitectura e a paisaxe.

A decana do COAG agradeceu aos impulsores da idea, Xosé Manuel Rosales, Juan Luis Dalda, Pedro del Llano e Antonio Díaz do COAG, xunto ao decano José Manuel Rey Pichel, e a Martín Fernández Prado e Alberto Núñez Feijóo da Xunta de Galicia, así como ao resto de entidades colaboradoras, todos eles “cómplices e mediadores insubstituíbles”.

“Ás portas da aprobación da primeira Lei de Arquitectura de Galicia, que recoñece esta disciplina como Ben de Interese Xeral, un dos seus obxectivos é incluír nas etapas educativas a formación en arquitectura, para transmitir o modo no que esta, o patrimonio construído, a paisaxe e o territorio conforman a identidade territorial galega. O arduo traballo destes 20 anos realizado polos xestores e educadores do Proxecto Terra vese reflectido nesta lei, que recoñece a importancia do seu labor”, indicou.

Actuacións do convenio

Entre as actuacións subvencionables ao abeiro deste convenio destacan a segunda edición de Eu son inspect@r urbanístic@. Coida o territorio, coida do teu, que ten como obxectivo promover o coñecemento do territorio, dos elementos que o compoñen, da contorna próxima e da paisaxe, trasladando aos máis pequenos o valor de coidalo.

Tamén se sufragarán as actividades que se levan fóra da aula, como as visitas guiadas de arquitectura contemporánea e intercambios territoriais; ao tempo que se dará continuidade en todas as cidades galegas á exposición sobre o Proxecto Terra —deseñada para celebrar os 20 anos de vixencia e cuxos actos conmemorativos se clausuraron hoxe, nun acto presidido pola conselleira e a decana, que estiveron acompañadas pola delegada territorial de Vigo, Marta Fernández Tapias-. De feito, avanzou que na cidade olívica permanecerá -para os grupos organizados participantes no Proxecto Terra- ata o vindeiro 14 de marzo no Auditorio Mar de Vigo.

Concretou que ao abeiro do convenio tamén se poderá adquirir, publicar e renovar, no seu caso, materiais didácticos que o COAG remite aos centros educativos galegos para que traballen nas aulas aquelas cuestións relacionadas co territorio, o urbanismo e a paisaxe; así como a súa integración nas aulas TIC.

Compromiso co territorio

A Xunta e o COAG coinciden no feito de que o coñecemento da incidencia da actividade humana sobre o territorio é necesario para implicar á cidadanía no coidado do mesmo. Nese sentido, as administracións deben dar exemplo e ser un referente para que a calidade da construción dos espazos que se habitan se poñan ao servizo dunha mellor calidade de vida e servizos para os cidadáns.

A conselleira destacou que a Xunta leva anos apostando por un urbanismo responsable e marcouse o reto de que os concellos conten con plan xeral de ordenación municipal. Neste sentido, sinalou que ese instrumento de ordenación é o que precisa Vigo, para abrilo ao mar, para dotalo de máis zonas verdes e para seguir desenvolvendo proxectos tan necesarios como o é San Paio de Navia.

Na actualidade, a maior bolsa de solo residencial proxectada non só de Vigo, senón de Galicia, segue sen contar coa aprobación- por parte do Concello- dos proxectos de urbanización dos tres polígonos da ampliación, un ámbito de 266.820,12 m2 no que se poderán construír 1.600 vivendas na cidade galega con maior demanda.

Imaxes relacionadas