As axudas da Xunta para apoiar a pemes e autónomos no impulso da igualdade laboral, a conciliación e a RSE poden solicitarse ata o próximo 4 de marzo

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nun webinario organizado pola Asociación de Empresarios de Ferrolterra no que informou sobre este programa no que o Goberno galego inviste 1,4 millóns de euros

Coa iniciativa finánciase a elaboración e contratación de asesores para a implantación de plans de igualdade, o fomento do teletraballo e a aplicación de medidas para a flexibilidade horaria, así como a promoción da RSE

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022

O prazo do que dispoñen pemes e autónomos para solicitar as axudas para fomentar a igualdade laboral, a conciliación e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) remata o próximo 4 de marzo. Así o informou hoxe a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, nun webinario organizado pola Asociación de Empresarios de Ferrolterra sobre este programa da Xunta no que se inviste 1,4 millóns de euros. Na xornada informativa participaron un total de 19 empresas.
Esta iniciativa, segundo sinalou Mancha, busca integrar o principio de igualdade nas empresas xa que, entre outros beneficios, indicou que mellora a produtividade, a imaxe externa, reduce o absentismo e mellora o clima laboral, ao tempo que fomenta a diversidade no lugar de traballo, atrae e retén talento e racionaliza os horarios.
O programa de apoios, co que o pasado ano concedéronse 273 axudas, inclúe tres liñas de financiamento. A Consellería de Emprego e Igualdade, dunha banda, incentiva a elaboración de diagnoses en materia de igualdade, a elaboración de plans de igualdade e a implantación das súas primeiras accións, así como a contratación dunha persoa experta para asesorar á empresa en todo este proceso. En concreto, financiarase ata o 80% os custes derivados do proceso de diagnose cun máximo de 3.000 euros nas empresas de ata 20 traballadores e traballadoras; e ata 5.000 euros nos demais casos.
Tamén apoiarase ata o 80%, os custes destinados á elaboración dun plan de igualdade -cun máximo de 1.500 euros nas firmas de ata 20 empregados e ata 3.000 euros nas restantes-; e os gastos para a implantación das medidas prioritarias previstas na primeira fase do plan de igualdade, cun máximo de 1.000 euros nas compañías de ata 20 persoas traballadoras e ata 2.000 euros nos demais supostos. Así mesmo, concederanse 12.000 euros pola contratación a xornada completa e durante un ano dunha persoa experta en igualdade. Para optar a estes apoios, as empresas deben ter un mínimo de dez persoas traballadoras e ata un máximo de 49.
Doutra parte, o Goberno galego apoia a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por traballador ou traballadora, cun máximo de 8.000 euros por empresa) e a flexibilidade horaria (8.000 euros por firma). Estes apoios incrementaranse en 1.000 euros para aqueles autónomos ou empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.
Para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coa finalidade tamén de promover o uso das tecnoloxías da información e comunicación (TIC), financiarase o 80% do investimento, co tope de 1.500 euros por traballador beneficiado e cun límite máximo de 20.000 euros por empresa. Esta axuda aumentará nun 10% naquelas empresas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.
As empresas que opten ás axudas para fomentar o teletraballo ou para adquirir elementos tecnolóxicos que posibiliten a súa implantación efectiva deberán contar cun mínimo dunha persoa traballadora; si se solicitan os apoios para favorecer a flexibilidade horaria, deberán contar cun mínimo de cinco traballadores.

Responsabilidade Social Empresarial

En terceiro lugar, este programa de Emprego e Igualdade tamén apoia ás empresas e autónomos na obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) financiando o 80% dos custes do proceso de certificación e/ou verificación ata un máximo de 2.000 euros por empresa. Neste caso, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco traballadores para optar a este financiamento.
É preciso lembrar que Galicia é pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE para acadar un verdadeiro emprego estable e de calidade. En 2012 foi unha das primeiras comunidades en poñer en marcha un plan específico. Do que se trata é de poñer a RSE no centro do modelo empresarial que se quere impulsar desde Galicia, xa que a competitividade das empresas crecerá se existe un verdadeiro compromiso coa economía verde e responsable.
Para a concesión destas axudas, das tres liñas que prevé o programa, primarase ás empresas que teñan a unha muller como responsable da administración, aquelas que teñan implantado un plan de igualdade ou estean no proceso, que teñan un porcentaxe superior ao 50% de persoas traballadoras fixas a tempo completo ou aquelas que conten con persoas con discapacidade no seu cadro de persoal contratado no ano inmediatamente anterior á solicitude.

Imaxes relacionadas