Os técnicos de saúde de atención primaria contratados polo Sergas iniciarán a súa actividade o vindeiro luns

Estes profesionais contarán cun listado de traballo diario e darán soporte ao conxunto dos profesionais de atención primaria en determinados procedementos que teñen unha importante carga burocrática

A súa centralización permitirá que este recurso poida ser dirixido a aqueles cupos onde máis se necesite

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022

O vindeiro luns, día 21 de febreiro, comezarán as tarefas dos técnicos de saúde contratados polo Sergas para apoiar aos médicos dos recursos de atención primaria, tal e como foi comprometido polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña no Parlamento de Galicia. O número destes técnicos será de 14 nesta fase inicial. Estes profesionais desenvolverán o seu labor de forma centralizada nas instalacións do Centro de Atención Integral ás Emerxencias, no Concello da Estrada. O horario de traballo desenvolverase nunha quenda de mañá (de 8 horas a 15 horas) e outra de tarde (de 15 horas a 22 horas), o que permitirá dar soporte ao conxunto dos profesionais dos centros de saúde.

Dentro das actividades que realizarán estes técnicos están as de seguimento dos pacientes covid positivos, a tramitación das baixas e altas das persoas asintomáticas e a atención telefónica para responder a demandas de información relacionadas co coronavirus. Tamén colaborarán no seguimento dos pacientes positivos covid mediante a plataforma tecnolóxica Telea, informaranlles dos resultados das súas probas de covid-19, realizarán o seguimento de pacientes en incapacidade temporal por outras continxencias comúns, renovarán receitas para tratamentos crónicos, e realizarán informes médicos autorizados, entre outras tarefas.

Estes técnicos contarán cun listado de traballo diario e darán soporte ao conxunto dos profesionais de atención primaria en determinados procedementos que teñen unha importante carga burocrática. A súa centralización permitirá que este recurso poida ser dirixido a aqueles cupos onde máis se necesite.

Imaxes relacionadas