Fabiola García sinala que Galicia segue ‘facendo espazo’ para que as persoas con Asperger poidan demostrar o seu potencial

A Xunta destinará neste ano 1,6 millóns de euros a esta entidade para a formación e a busca de autonomía das persoas con esta síndrome

Destacou que o Goberno galego acompaña ás persoas con Asperger desde a infancia ata a idade adulta a través da rede de atención temperá, dos centros educativos e do fomento da súa integración laboral
 

Vigo, 18 de febreiro de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que Galicia segue “facendo espazo” para que as persoas con Asperger poidan demostrar o seu potencial. Esta mañá visitou o centro de recursos de Alcabre da entidade Menela en Vigo acompañada da delegada territorial da Xunta na cidade olívica, Marta Fernández-Tapias, con motivo da celebración do Día Internacional do Asperger que ten como lema ‘Fai espazo’.

A conselleira sinalou que este día representa un bo momento para seguir reivindicando máis facilidades na integración das persoas con Asperger, para dar visibilidade á súa situación e “para atopar un espazo no que poidan sentirse a gusto e felices”. Neste sentido, agradeceu a Menela o seu traballo diario a través dos seus centros na cidade de Vigo e na comarca do Val Miñor.

O Goberno galego segue reforzando a súa colaboración co tecido social para chegar cada día a máis persoas coa Síndrome de Asperger. Neste ano 2022, destinará 1,6 millóns de euros a Menela para atender ás persoas usuarias dos seus centros, dándolle máis axuda, autonomía e formación.

Desde a infancia á idade adulta

Fabiola García lembrou que a Xunta trata de acompañar ás persoas con algún Trastorno do Espectro Autista desde a infancia á vida adulta. Para iso, o Goberno galego segue reforzando a rede de atención temperá, que permite unha identificación e diagnose rápida durante os primeiros anos de vida. Neste mesmo ano, esta rede contará con medio cento de unidades repartidas por toda a Comunidade.

Así mesmo, Galicia é un dos lugares con maior ratio de integración de persoas con necesidades especiais nos centros educativos, gracias a uns profesionais cada día máis preparados para a súa atención. Do mesmo xeito, a Xunta busca a integración das persoas con Asperger no mundo laboral a través da formación e a colaboración con empresas e centros especiais de emprego.
 

Imaxes relacionadas