O Plan Camiña inclúe axudas aos concellos de ata 10.000 habitantes para consolidar a oferta turística en zonas rurais

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, comprobou hoxe os traballos de embelecemento na Avenida Barreiro Cabanelas da Lama, unha das 122 actuacións financiadas o ano pasado ao abeiro da orde de axudas para a mellora das infraestruturas turísticas dos municipios de ata 10.000 habitantes

A Xunta destinará 1M€ á nova convocatoria para este ano coa que se pretende poñer en valor os recursos turísticos dos municipios e a súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística co obxectivo de atraer visitantes

A orde forma parte do Plan Camiña, que inclúe medidas de apoio ás empresas do sector turístico galego, ás entidades locais e ao turismo familiar, ás universidades e ás entidades sen ánimo de lucro
 

A Lama (Pontevedra), 18 de febreiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, comprobou hoxe os traballos de embelecemento levados a cabo na Avenida Barreiro Cabanelas da Lama, que contaron cunha axuda do Goberno galego de case 30.000 euros ao abeiro da orde de subvencións para a mellora de infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes. A Xunta financiou o ano pasado con esta liña de axudas ata 122 actuacións en municipios galegos co obxectivo de consolidar a oferta turística das zonas rurais e esta semana publicou a nova convocatoria, dotada cun orzamento de 1 millón de euros, que se enmarca no Plan Camiña co que a Administración autonómica mantén o seu compromiso na reactivación do turismo galego.
Entre as melloras levadas a cabo na Avenida Barreiro Cabanelas da Lama destaca a substitución do pavimento de asfalto por pedra para acadar unha maior harmonía e coherencia coas construcións da arquitectura tradicional do núcleo de Laxedo, protexido polo seu valor patrimonial coa denominación de conxunto tradicional ademais de contar con bens declarados de interese cultural (BIC) como o cruceiro e o peto de ánimas.
O embelecemento dos accesos aos recursos turísticos e a protección dos bens declarados de interese cultural (BIC) coma neste caso son algúns dos proxectos financiados a través da nova convocatoria de axudas destinada aos concellos de ata 10.000 habitantes, coa que se pretende fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.
Tamén son subvencionables a mellora da iluminación ornamental, a recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros ou roteiros, así como a adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes. Abarca ademais outras iniciativas de posta en valor turístico dos recursos como a súa rehabilitación ou restauración para destinalos a usos turísticos distintos do aloxamento ou a recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.
A maiores, a través da convocatoria poderase colaborar cos concellos solicitantes en melloras de accesibilidade aos recursos turísticos eliminando as barreiras arquitectónicas e a súa sinalización.
Alfonso Rueda animou aos concellos a presentar as súas solicitudes para atraer a visitantes neste Ano Santo ofrecéndolles a mellor imaxe de Galicia como un destino seguro, de calidade e sostible.
Nesta liña, destacou que a Xunta continuará a traballar para acadar a reactivación do turismo galego co Plan Camiña e aproveitando a oportunidade deste Ano Santo Dobre. Ademais de apoiar ás entidades locais con esta convocatoria, a Xunta manterá á axuda ás empresas turísticas para que melloren os seus establecementos e incrementen a súa calidade e a formación do seu persoal con medidas coma a nova convocatoria de axudas para a mellora das infraestruturas de establecementos turísticos de aloxamento e restauración, dotada con 2 millóns de euros . O Plan Camiña tamén inclúe medidas coas que fomentar o turismo familiar e destinadas ás universidades galegas e ás entidades sen ánimo de lucro.
O Goberno galego busca consolidar así a mensaxe de Galicia como destino seguro que permitiu o ano pasado a comunidade liderase a recuperación turística 22 puntos por riba da media nacional con 4,2 millóns de viaxeiros e case 9 millóns de noites e que se superasen tódalas expectativas no Camiño de Santiago con case 180.000 Compostelas fronte ás 140.000 previstas.
 

Imaxes relacionadas