O Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe a aprobación da información pública desta actuación

A Xunta aproba o proxecto construtivo de reposición do acceso ao camiño municipal afectado pola nova conexión do polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52

Restituirase o acceso deste camiño local ao novo trazado da estrada provincial OU-0516, executando un novo treito que conecte coa vía de servizo desa nova conexión

Tras un investimento de case 22 M€, os usuarios do polígono industrial reduciron nun 60% o tempo de percorrido na conexión ata a A-52, que tamén mellorou a conectividade con Celanova e Bande, favorecendo a mobilidade en toda a zona
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto construtivo de reposición do acceso ao camiño municipal afectado pola nova conexión do Polígono de San Cibrao das Viñas coa autovía A-52, a Autovía das Rías Baixas.

A actuación responde á solicitude do Concello de executar unha conexión nun camiño municipal que quedou afectado polas obras de acceso ao polígono industrial desde a A-52. Tras a execución da nova conexión, e a reposición da estrada provincial OU-0516 na contorna do punto quilométrico 2+700 da nova vía, o camiño municipal interceptado deixou de ter acceso á citada estrada provincial.

O DOG tamén publica hoxe a aprobación da información pública desta intervención. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://bit.ly/3uUWBsj .

O proxecto construtivo aprobado consiste na restitución do acceso do camiño municipal ao novo trazado da estrada provincial OU-0516, executando un novo treito de camiño que conecte o actual coa vía de servizo da nova conexión do parque empresarial de San Cibrao das Viñas coa A-52.

Infraestrutura estratéxica

Cun investimento de case 22 millóns de euros a nova conexión do polígono industrial de San Cibrao das Viñas é unha infraestrutura estratéxica para o gran pulmón empresarial de Ourense, ao enlazar nun único punto con dúas autovías: a A-52, que une Vigo con Ourense e Madrid, e a Autovía de Celanova, a AG-31.

A nova vía permite, desde setembro de 2020, unha conexión directa e áxil ao parque empresarial, chegando a reducir nun 60% o percorrido de conexión coa autovía, ademais de supoñer reforzo da seguridade viaria e mellorar a conectividade con Celanova e Bande, favorecendo a mobilidade en toda a zona.

Cun gran viaduto de case 500 metros de lonxitude, con 4 pasos inferiores e cun paso superior, esta nova infraestrutura de máis de 4,5 quilómetros foi deseñada co obxectivo de compatibilizar o respecto ambiental da contorna coa necesidade de garantir un servizo axeitado aos seus usuarios que, nunha alta porcentaxe, son condutores de vehículos pesados.