A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o alcalde e a directora da Axencia de Turismo de Galicia participaron esta mañá nos traballos de repoboación

A última edición da campaña 'Camiño da Reciclaxe' culmina coa plantación de máis de 600 árbores autóctonas no concello de Cerdedo-Cotobade

“A natureza e a paisaxe son elementos indisolubles da peregrinación, e os ‘ecoperegrinos’ actúan como embaixadores dos recunchos naturais de Galicia”, asegurou a conselleira

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 18 de febreiro de 2022

A última edición da campaña Camiño da Reciclaxe, na que colaboran desde o ano 2016 Xunta e Ecoembes para implicar aos peregrinos na correcta separación dos residuos nas diferentes rutas a Santiago, permitiu plantar hoxe máis de 600 árbores autóctonas no concello de Cerdedo-Cotobade.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, o director de xestión autonómica e local de Ecoembes, Ángel Hervella, e o alcalde, Jorge Cubela, participou hoxe nos traballos de plantación, que permitiron repoboar con exemplares de carballo autóctono unha parcela de 1 hectárea localizada no Monte Vilar.

Tras salientar que entre os meses de xuño e setembro de 2021 se recolleron case 117 toneladas de envases nos contedores amarelos e azuis instalados ao longo do Camiño, Ángeles Vázquez subliñou que a importancia da campaña radica non só nas notables cifras de recollida que se rexistran cada ano, senón en iniciativas “cun impacto medioambiental tan positivo” como a plantación realizada hoxe en Cerdedo-Cotobade.

Así, lembrou que o ano pasado se animou ás persoas que fan o Camiño de Santiago a cubrir unha Compostela moi particular para acreditar o seu compromiso coa reciclaxe e a loita contra o lixo. Por cada fotografía dunha Compostela selada en tres albergues subida ás redes sociais, a Xunta e Ecoembes comprometéronse a plantar unha árbore, o que significa que o ano pasado en Galicia houbo máis de 600 ecoperegrinos.

“A natureza e a paisaxe son elementos indisolubles da experiencia da peregrinación, e os ecoperegrinos actúan como embaixadores dos recunchos naturais de Galicia”, asegurou a conselleira, que avogou por seguir traballando en 2022 para facer que este Xacobeo sexa recordado como “o máis comprometido coa reciclaxe e o medio ambiente da historia”.

Camiño da Reciclaxe volverá poñerse en marcha este verán. Concretamente, está previsto que no mes de xuño os albergues das cinco rutas que participan na campaña —Francés, Portugués, Inglés, do Norte e Primitivo— se equipen de novo con todas as ferramentas e materiais necesarios para facilitar a reciclaxe e evitar que a basuraleza chegue ao Camiño.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, loubou iniciativas como esta que se aliñan “co noso compromiso por manter, protexer e coidar o Camiño de Santiago, preservando a súa identidade ao tempo que avanzamos na concienciación medioambiental, na eliminación da basuraleza e damos resposta ás necesidades do peregrino do século XXI”.

Neste sentido, Castro destacou que co Plan Director do Camiño de Santiago, que se puxo en marcha coincidindo co comezo do Camiño da Reciclaxe, en 2015 introducíronse por vez “os criterios de accesibilidade, eficiencia enerxética e coidado medioambiental no Camiño de Santiago” que estarán moi presentes tamén na elaboración do novo Plan Director, que estará vixente entre 2022 e 2027.

Por último, o responsable da xestión autonómica e local de Ecoembes, Ángel Hervella, agradeceu o traballo de todos os implicados no proxecto Camiño da Reciclaxe, “unha iniciativa que busca concienciar aos miles de peregrinos que percorren esta ruta histórica da importancia de mantela libre de basuraleza”. “Esta plantación é, sen dúbida algunha, un símbolo do compromiso de todos os ecoperegrinos coa reciclaxe e co coidado do medio ambiente”, engadiu.

Imaxes relacionadas