A Xunta amplía a todo o litoral galego a alerta laranxa por temporal costeiro

Mantense vixente o nivel de aviso laranxa por mar combinada do noroeste con ondas de ata 6 metros na costa coruñesa e na Mariña lucense e esténdese tamén ao litoral de Pontevedra

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de ampliar a todo o litoral galego a alerta laranxa por temporal costeiro vixente para hoxe no litoral das provincias da Coruña e Lugo.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), desde este mediodía dará comezo un fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa por mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros en toda a costa galega, que xa estaba previsto no litoral da Coruña e na Mariña lucense e que vén de estenderse tamén ao litoral da provincia de Pontevedra.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.