A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a declaración do Novo Hospital Público da Coruña como proxecto de interese autonómico

O Goberno galego destinará á construción do novo CHUAC un investimento autonómico superior aos 430 M€

Segundo o previsto na Lei de Ordenación do Territorio de Galicia, a aprobación definitiva do proxecto do novo CHUAC leva implícita a declaración da súa utilidade pública e a adaptación do planeamento urbanístico

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a declaración do novo Hospital Público da Coruña, novo CHUAC, como proxecto de interese autonómico.

O acordo aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o pasado día 29 de decembro, supón a declaración de interese autonómico para os efectos previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de Ordenación do Territorio de Galicia, que implicará, tras a aprobación definitiva do proxecto, a declaración da súa utilidade pública e a adaptación do planeamento urbanístico. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://bit.ly/3JA65gW .

Con esta declaración, determínase que o proxecto do novo hospital público da Coruña ten unha relevancia singular, o que xustifica a implicación da Xunta no seu desenvolvemento e impulso, unha absoluta prioridade para o Goberno galego.

A aprobación da declaración por parte da Xunta adoptouse tras obter os informes favorables do Concello da Coruña e do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, como administracións directamente afectadas.

Destaca, por un lado, o alcance territorial do proxecto, que transcende o termo municipal da Coruña e está vinculado a unha área xeográfica de prestación de servizo sanitario que abrangue unha poboación de 518.760 habitantes, nunha área xeográfica conformada por 28 concellos integrados na área funcional da Coruña. Ademais, o CHUAC conforma, xunto á área sanitaria de Cee, unha área estratéxica e superior, que abrangue 36 concellos e 556.693 habitantes.

Por outra banda, trátase dun hospital de referencia para agudos e de superespecialización, polo que a súa influencia transcende da área sanitaria da Coruña tendo en conta, ademais, que puntualmente presta servizos especializados nas áreas de Lugo e Ferrol ou, nalgúns casos, en doentes que proveñen de calquera parte de Galicia.

Para esta aprobación elaborouse un documento técnico de proposta de actuación, no que se recollen as principais características da intervención prevista e se dá conta da súa importancia desde o punto de vista territorial e funcional. Nel, identifícanse ás administracións directamente afectadas, o Concello da Coruña e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, xa que está previsto mellorar a conectividade do hospital coa rede de estradas de titularidade do Estado.

Neste momento, a Xunta segue a avanzar no deseño da actuación, tanto no que se refire á edificación hospitalaria, como aos seus accesos e conexión coa rede viaria, para o que se está a traballar co Concello da Coruña e co Ministerio de Transportes, ademais de na ocupación dos terreos.


O novo CHUAC

A posta á disposición dos cidadáns dun novo hospital público de referencia para as persoas da área sanitaria da Coruña é unha das máximas prioridades do Goberno galego para os vindeiros anos. Así, para desenvolver o novo CHUAC prevese un investimento da Xunta superior aos 430 millóns de euros, que permitirán duplicar a superficie construída para hospitalización do actual CHUAC ata chegar aos 86.500 m², reformar integramente as actuais edificacións e dotalo dunha nova accesibilidade radicalmente mellor ca actual.

A Xunta xa está a avanzar cun horizonte de traballo para facer realidade o novo CHUAC. En outubro adxudicouse o contrato que acompañará o seu desenvolvemento desde o punto de vista técnico. Ese contrato, cun importe de máis de 6 millóns de euros, inclúe a tramitación urbanística, ambiental, de expropiacións, a redacción dos proxectos e a dirección das obras, de modo que se logre a máxima consistencia e coherencia ao longo de todo o proceso.

Ademais, estase a executar a obra da “fase 0”, na que se invisten 13 millóns de euros para a creación dun novo hospital de día; o incremento do número de camas grazas á creación dunha nova planta de hospitalización; e a ampliación os servizos de urxencia e o número de camas para coidados intensivos.