Así o destacou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias na comisión 7ª do Parlamento galego

A Xunta investiu en sanidade animal máis de 61 millóns de euros nos últimos cinco anos

José Balseiros sinalou que este esforzo orzamentario propiciou, entre outras melloras, a recente declaración de Galicia como rexión libre de tuberculose bovina

Salientou que este logro para a saúde pública da poboación en xeral e da sanidade animal en particular representa tamén unha clara vantaxe comercial para o sector

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022

A Xunta investiu en materia de sanidade animal máis de 61 millóns de euros nos últimos cinco anos. Así o destacou esta mañá o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta na comisión 7ª do Parlamento galego.

Na súa intervención, Balseiros explicou que esta cifra se desprende da suma de diferentes partidas. Por un lado, dos fondos para os programas de sanidade e produción animal (arredor de 37,6 millóns de euros entre 2017 e 2021) e das axudas para indemnizar o sacrificio obrigatorio de animais (4,5 millóns de euros no mesmo período). Tamén, das subvencións complementarias para reposición de animais sacrificados (1,3 millóns), dos custos da subministración de reactivos, material e equipos de laboratorio (7 millóns) e das axudas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG), por importe de 10,7 millóns de euros no referido período.

Nesta liña, o director xeral sinalou que todo este esforzo orzamentario propiciou, entre outras melloras, a recente declaración de Galicia como rexión libre de tuberculose bovina. En relación con este logro, Balseiros sinalou que ademais dos beneficios para a saúde pública da poboación en xeral e da sanidade animal en particular, representa tamén unha clara vantaxe comercial para o sector.

Así, Balseiros indicou que a nosa comunidade ten agora unha boa oportunidade de converterse nunha rexión exportadora de animais e produtos de alta calidade sanitaria, ademais de xenética e produtiva. A clave, engadiu o director xeral, pasa pola recría na propia explotación e na compra “de proximidade”.

Medidas preventivas

En todo caso, José Balseiros aseverou tamén que o carácter crónico e insidioso desta doenza fai que siga sendo necesario, por parte do sector gandeiro, continuar levando a cabo medidas que garantan o mantemento do status conseguido. O risco, indicou, pode minimizarse con medidas preventivas precisas. Entre elas destacou a de evitar, na medida do posible, a entrada de reses externas ao rabaño, así como a de impedir que ese rabaño contacte con outros non vinculados ou con outras especies. Neste sentido lembrou que as razas autóctonas de carne de Galicia ofrecen actualmente as maiores garantías sanitarias e gozan dunha calidade cárnica contrastada.

Outra medida preventiva aconsellada polo director xeral é a da recría de reses do propio rabaño, como opción máis segura e intelixente. O asesoramento por parte de persoal formado e especializado ou a integración da explotación nunha Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira son outras das recomendacións trasladadas por Balseiros, así como o establecemento de medidas de bioseguridade e hixiene na explotación.

Por parte da Consellería do Medio Rural, tal e como explicou o director xeral, manterase unha estratexia integrada de prevención, con medidas de vixilancia activa da infección, tales como a realización anual de probas aos rabaños de risco ou o seguimento e toma de mostras tanto de reses identificadas como de especial interese epidemiolóxico como dos animais procedentes de determinadas áreas de alta prevalencia. Tamén, con medidas de vixilancia pasiva, centradas basicamente en fortalecer a vixilancia e a detección de lesións compatibles con tuberculose en animais sacrificados en matadoiros da comunidade autónoma.

Imaxes relacionadas