A Xunta abre a posibilidade a que industrias cárnicas de fóra de Galicia poidan filetear pezas de Ternera Gallega para potenciar o mercado da IXP

É unha das modificacións do prego de condicións desta indicación xeográfica protexida que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia

O outro cambio ao que se lle dá luz verde ten que ver co grao de engraxamento admisible
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro do 2022.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se adopta a decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega. Así, as dúas modificacións que se aproban son unha relativa ao grao de engraxamento admisible nos canais e a outra relacionada cos requisitos esixibles ás instalacións nas que se poden realizar as operacións de fileteado.

Sobre a ampliación dos operadores aos que se vai permitir facer o fileteado, estas operacións ata agora só se podían realizar nas industrias inscritas no rexistro correspondente do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia (e, polo tanto, situadas no ámbito xeográfico da IXP) ou en establecementos específicos dos puntos de venda finais cos que o Consello Regulador tivese asinado acordos de colaboración para facilitar o control do etiquetado e da comercialización da carne. Con este cambio que se aproba hoxe, estas operacións de fileteado tamén as poderán realizar as industrias cárnicas que operan no mercado, asinando previamente un acordo de colaboración que permita ao consello regulador facer un adecuado control destas operacións e da trazabilidade do produto.

En relación ao grao de engraxamento, a modificación significa admitir un grao de engraxamento máis baixo no caso dos canais de mellor conformación. Isto xustifícase en que os canais de Ternera Gallega se corresponden na súa maioría —aproximadamente o 99 %— con animais sacrificados con menos de 12 meses e cun peso por debaixo dos 300 kg/canal, o que dá como resultado canais con conformacións menos desenvolvidas e con escasa graxa de cobertura que destacan pola súa carne saborosa, tenra e zumarenta. Ata o de agora, a cobertura graxa debía alcanzar o grao 2 pero con esta modificación poderán tamén entrar os canais con grao de engraxamento 1 cando a conformación estea nas categorías “S”, “E” ou “U”, xa que desde o punto de vista produtivo -de calidade da carne e organolepticamente- os canais resultantes cumpren perfectamente todos os requisitos para ser certificados baixo o amparo da indicación xeográfica protexida.


Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220218/AnuncioG0426-100222-0001_gl.html