Máis de 1.400 profesionais da Xunta adquirirán a condición de funcionarios logo de superar o proceso acordado cos sindicatos CC.OO. e UXT

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación de aspirantes a superar a segunda fase do proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022

Un total de 1.445 profesionais da Xunta de Galicia adquirirán a condición de funcionario de carreira logo de superar o proceso selectivo previsto no Acordo de Concertación Social do Emprego Público de Galicia asinado entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UXT en 2019.

Hoxe publícanse no Diario Oficial de Galicia (DOG) as resolucións coa relación de aspirantes que superaron o proceso de funcionarización do persoal laboral fixo. Dos 1.445 profesionais, máis da metade (772) pasarán a formar parte das agrupacións profesionais (AP), mentres que 323 entrarán no grupo C2, 242 no grupo C1, 32 no grupo A2 e 76 farano no grupo A1. Este proceso é o que se deriva das ofertas de emprego público dos anos 2020 e 2021.

Trátase do segundo continxente de profesionais que se acollen a este proceso de funcionarización voluntaria posto en marcha para unificar o réxime xurídico aplicable ao persoal que presta servizos na Administración autonómica. A Xunta de Galicia busca, deste xeito, eliminar a disparidade de réximes xurídicos aplicables ao seu persoal e cumprir o principio xeral de que os postos de traballo nas administracións públicas deben ser desempeñados por persoal funcionario

O proceso de funcionarización ten carácter voluntario e habilita ao persoal laboral fixo - incluído no ámbito de aplicación do Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta que superou un proceso para ter esa condición de persoal laboral fixo- , para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira a través dun procedemento específico.

Este procedemento non ten por obxecto o acceso á Administración nin o ascenso de escala ou categoría, senón a transformación voluntaria en funcionarios dos traballadores que xa teñen unha praza na Administración como persoal laboral fixo. É dicir, o persoal laboral fixo pode converterse en funcionario de carreira accedendo a unha escala equivalente á que actualmente ocupa.

Concurso de traslados

Por outro lado, o DOG tamén publica hoxe a resolución pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de Administración xeral da Comunidade Autónoma coa adxudicación de postos aos empregados públicos que participaron neste concurso de traslados.

Este é o maior concurso de traslados da historia da Administración autonómica con 1.921 prazas ofertadas –un 46% máis respecto á anterior convocatoria- e 3.587 participantes, toda vez que se trata dun procedemento moi demandado polos empregados públicos.

 


A través deste proceso a Administración cubre os postos de traballo vacantes, e o persoal funcionario pode cambiar voluntariamente do seu posto de traballo a outro que se adapte mellor ás súas preferencias.

Grazas ao concurso de traslados, un empregado público pode obter unha praza nun lugar máis próximo á súa zona de residencia, reducindo así os seus desprazamentos diarios ao posto de traballo e favorecendo a conciliación da súa vida familiar e laboral. Ademais, tamén permite mellorar a progresión profesional dos traballadores, posto que os participantes nos concursos de traslados poden acceder a unha praza de maior nivel. Ademais, a través dos concursos para a provisión de postos de traballo, a Xunta garante o dereito á mobilidade dos empregados públicos.