Feijóo afirma que o gasto extraordinario da Xunta nestes dous anos de pandemia superou os 1.500 millóns de euros

No ano 2021 a covid-19 supuxo un gasto extraordinario para a Administración autonómica de 901,7 M€

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que o gasto extraordinario da Xunta nestes dous anos de pandemia superou os 1.500 millóns de euros, segundo un informe presentado hoxe no Consello da Xunta.

No ano 2021 a covid-19 supuxo un gasto extraordinario para a Xunta de 901,7 M€. Segundo explicou Feijóo, “tivemos que facer un esforzo adicional de 80 M€ por riba dos recursos recibidos e destinamos preto de 300 M€ máis que no 2020 a loitar contra a pandemia e os seus efectos”.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que os maiores reforzos centráronse en todo o referido cos gastos correntes. Foron, en concreto, 662 millóns de euros, 141 M€ máis que no ano 2020. Dentro deles, “máis de 218 M€ foron para costear os gastos de persoal, case 50 M€ que no ano anterior”, dio Feijóo.

O titular do Goberno galego tamén puxo en valor que no 2021 a Xunta aprobou uns orzamentos co triplo obxectivo de combater a pandemia, reactivar a economía e atender as necesidades das familias e sectores máis afectados pola crise. Nesa liña, “as áreas que se encargan dos servizos públicos fundamentais e do emprego concentraron a maioría dos recursos”, aseverou Feijóo, que detallou que Sanidade recibiu case 350 M€, Educación, 158 M€; Emprego, 119 M€; e Política Social, 83 M€.

Imaxes relacionadas