A secretaria xeral da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez, compareceu hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia

Política Social sinala que os traballos da nova residencia de Lugo avanzan a bo ritmo co obxectivo de que estean listos no 2023

A Fundación Amancio Ortega é a que financia, constrúe e equipa o novo centro, que contará con 120 prazas de atención a persoas maiores e xerará 115 postos de traballo

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2022

A secretaria xeral da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez, avanzou hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia que as obras da nova residencia de maiores de Lugo, financiada, construída e equipada pola Fundación Amancio Ortega, iniciáronse o pasado novembro. Os traballos avanzan a bo ritmo co obxectivo de que estean listos no 2023.

María Francisca Gómez sinalou que actualmente se están a realizar os traballos de escavación e cimentación do edificio. Así mesmo, explicou que a parcela na que se localizará a residencia, na rúa Serra Gañidoira, está próxima ao centro urbano, o que favorece o acceso tanto do persoal como dos familiares dos usuarios.

Cómpre lembrar que o centro forma parte do ambicioso proxecto urbanístico e de servizos que o Goberno galego impulsa no Novo Barrio da Residencia e que inclúe outras novas infraestruturas, como o centro integral de saúde, unha oficina de emprego e formación e unha central de biomasa común ao resto das instalacións.

A Fundación Amancio Ortega destinará 12 millóns de euros a poñer en marcha este centro residencial. A instalación terá 120 prazas de atención a persoas maiores, xerará 115 postos de traballo e contará cun equipamento máis vangardista e con servizos innovadores como as unidades psicoxeriátricas, especializadas na abordaxe do Alzhéimer e outras demencias.

Cumprimento de persoal

Esta mañá, a secretaria xeral tamén respondeu unha pregunta en materia de persoal e seguridade nas residencias de maiores, en relación a un incidente que se produciu nun centro de Vigo e que non reverteu en danos.

Neste sentido, confirmou que as residencias de maiores están suxeitas á normativa de emerxencias de Galicia e de prevención de riscos laborais para garantir a seguridade tanto dos usuarios como do persoal dos centros.