A directora da Axencia Galega de Innovación participou hoxe en Barcelona na presentación do Plan Complementario de Biotecnoloxía en Saúde

Galicia suma as súas capacidades e talento ao programa conxunto de investigación en biotecnoloxía para a saúde

É unha das cinco comunidades autónomas que participará nesta iniciativa

Argerey ofreceu a experiencia de Galicia en colaboración e innovación aberta e as capacidades e talento do ecosistema galego de I+D+i en biotecnoloxía

Barcelona, 17 de febreiro de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, puxo hoxe en valor todo o potencial do ecosistema galego de I+D+i en biotecnoloxía para darlle a este sector o papel determinante que está chamado a desempeñar na nova folla de ruta para a reconstrución económica. Argerey participou esta mañá en Barcelona, en representación de Galicia, no acto de presentación do Plan Complementario de Biotecnoloxía en Saúde no Instituto de Bioenxeñaría de Cataluña, presidido pola ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant.

Argerey agradeceu a posta en marcha desta iniciativa de colaboración, que permitirá aliñar os esforzos da Administración central, das comunidades autónomas e dos fondos europeos ante retos clave como a saúde, de grande impacto na vida das persoas, e que contribuirá a posicionar o coñecemento excelente que xera España dun xeito relevante.

Argerey apuntou que se trata da “ferramenta idónea para aliñar esforzos e identificar proxectos de país con capacidade tractora que acheguen respostas aos retos que nos chegan desde o ámbito da saúde”. “Xuntos conseguiremos que España siga avanzando no ámbito da medicina personalizada, fomentando unha nova economía máis fortemente baseada no coñecemento e poñendo en valor as tecnoloxías dixitais e a enorme solidez da ciencia que a respalda”, reiterou.

A directora da Axencia reiterou a aposta de Galicia pola colaboración aberta, como panca fundamental da política de I+D+i, e puxo ao servizo desta iniciativa toda a solidez do ecosistema galego de biotecnoloxía en saúde, que inclúe amplas capacidades de investigación, un servizo galego de saúde referente en innovación e un tecido empresarial que está consolidando Galicia como referente a nivel nacional e internacional, integrado por dous clústeres empresariais, un Hub de Innovación Dixital, industrias tractoras consolidadas e empresas emerxentes.

En canto á colaboración interterritorial, a representante da Xunta salientou a experiencia de Galicia traballando en rede con outras comunidades autónomas coordinando a rede Redefar de excelencia en descubrimento de fármacos, actualmente rede estratéxica
ES-Openscreen, do Ministerio de Ciencia e Innovación; como o nodo de altas capacidades do Consorcio de Infraestruturas de Investigación ERIC EU-Openscreen dedicado ao descubrimento temperá de fármacos; ou a Rede Española de Ensaios Clínicos Pediátricos.

Ademais, apuntou que Galicia pode achegar o talento das tres universidades galegas, cos seus dous campus de excelencia internacional e catro centros de investigación de referencia; tres fundacións biomédicas cos seus institutos de investigación e a Fundación Pública de Medicina Xenómica; así como o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

Por último, a directora da Axencia ofreceu o modelo de innovación aberta posto en marcha en Galicia da man da Fundación Kaertor, que coordina precisamente a participación galega neste Plan Complementario, a través da pioneira incubadora de descubrimento temperán de fármacos posta en marcha en 2017 e que agora ten continuidade a través da Business Factory Medicines (BFMedicines) de Galicia, impulsada pola Fundación Kaertor, a Xunta, as empresas Janssen e Lilly e a Fundación AECC que promove o descubrimento de novos fármacos eficaces en necesidades médicas non cubertas e a súa chegada ao mercado.

Aposta galega pola biotecnoloxía

A participación galega neste Plan Complementario enmárcase na aposta da Xunta por este sector, a biotecnoloxía, desde a primeira Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2014-2020. Unha aposta que se verá reforzada no marco da nova RIS3 para o período 2021-2027, na que a sustentabilidade e o modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo son eixos centrais. Así mesmo, Galicia conta desde 2016 cunha Estratexia de Impulso ao sector da biotecnoloxía que ten continuidade na Estratexia de Consolidación e que xa deu os seus froitos, por exemplo, en termos de creación de empresas, sendo Galicia a segunda comunidade máis bioemprendedora en 2020.

Por último, o Servizo Galego de Saúde está desenvolvendo unha Estratexia de Medicina Personalizada de Galicia, na que se incorporan terapias avanzadas, e unha das súas primeiras actuacións é o Centro de Fabricación de Inmunoterapias.

Imaxes relacionadas