O Sergas valora os proxectos de investigación do programa Traslaciona Covid-19

O programa, xestionado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, impulsou 10 dos 53 proxectos investigación que se presentaron a unha convocatoria que contou cunhas axudas de preto de medio millón de euros

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2022

O xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, valorou esta mañá no Parlamento de Galicia os resultados dos dez proxectos de investigación que integraron o programa Traslaciona covid-19, co que a Xunta de Galicia impulsou a posta en valor do coñecemento xurdido durante a crise sanitaria provocada polo coronavirus.
Nesta convocatoria, á que se presentaron un total de 53 proxectos desenvoltos por investigadores que desempeñan o seus labor no Sistema Público de Saúde galego, resultaron seleccionados un total de 10 programas vencellados ao desenvolvemento de terapias covid-19, análise das súas consecuencias clínicas ou á tecnoloxía de desinfección, entre outros.
Mediante o mecenado social de empresas e cidadás, a Xunta destinou un total de 499.630 euros, ao desenvolvemento de catro programas vencellados ao ámbito da prevención da covid-19; catro proxectos relacionados coas áreas de diagnóstico, e outros dous referidos ao tratamento da enfermidade provocada polo coronavirus.
No que atinxe aos proxectos de prevención, o programa EPICOVIGAL desenvolveu unha plataforma de monitoraxe xenómica en tempo real do virus Sars-CoV-2, o que permitiu identificar as liñaxes predominantes, e estimar a orixe de novos brotes en Galicia. Así mesmo, a investigación SEGUICOVID, analizou a evolución clínica durante 12 meses de persoas que superaron a covid-19, concluíndo que os reingresos trala hospitalización son pouco frecuentes e que teñen lugar fundamentalmente nas dúas primeiras semanas de alta. Ademais, o proxecto COVIDPHY permitiu identificar distintas cepas do virus e estudar o papel dos chamados supercontaxiadores na pandemia e; os ensaios de REUTILIZA demostraron a posibilidade reutilizara as EPIs do coronavius tras dez ciclos de esterilización, ao manter a súa funcionalidade físico-química e mecánica.
Xa na área de diagnóstico, o programa INMOD procurou establecer un modelo de infección no que se concluíu que a excreción do virus Sars-Cov-2 en vías respiratorias pode prolongarse ata 12 semanas, que a inmunidade natural xa está presente ao mes trala infección e que se mantén ata polo menos 3 meses. Pola súa banda, o proxecto NEUROCOG-COVID permitiu determinar a incidencia das alteracións cognitivas en pacientes recuperados da enfermidade, así como o seu perfil neuropsicolóxico a medio prazo. No caso de MITOCOVID, a investigación identificou diferentes marcadores xenéticos mitocondriais que permiten prever os riscos de contaxio e a severidade da enfermidade. O proxecto GENETS realizou ensaios clínicos controlados con estatinas na expresión do xene MYD 88 para explorar a súa eficacia como tratamento na covid19. Así, tras facer unha comparativa da supervivencia dos pacientes con e sen tratamentos de estatinas, o estudo amosou unha asociación significativa entre o tratamento previo con estatinas e unha menor mortalidade durante o seguimento en pacientes hospitalizados por covid-19.
Finalmente no referido aos tratamentos, o programa PLASMA-GAL desprendeu que ningunha das persoas que recibiron plasma hiperinmune tivo unha infección grave e; o proxecto ALCOVID, demostrou que administración de etanol por vía inhalada é unha terapia segura en pacientes maiores diagnosticados de infeccións leve Sars-Cov-2 sin producirse reacción adversas.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidade