O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o centro de saúde de Abegondo

A Xunta adxudica a redacción do proxecto para a construción do novo centro de saúde de Abegondo

O estudo da arquitecta Elizabeth Abalo Díaz será o encargado da redacción do proxecto básico de execución e dirección desta obra que conta cun orzamento de máis de 61.000 euros e na que se prevé integrar o uso sustentable da madeira

A construción do novo centro de saúde de Abegondo vai permitir renovar unha infraestrutura que ten xa máis de 35 anos e permitirá unha atención máis integral a preto de 5.000 pacientes

Abegondo (A Coruña), 17 de febreiro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o actual centro de saúde de Abegondo para anunciar a adxudicación do contrato do servizo de redacción do proxecto básico de execución e dirección de obra para o novo centro de saúde. O estudo arquitectónico de Elizabeth Abalo Díaz será o encargado de levar a cabo a elaboración deste proxecto para posteriormente proceder a licitación das obras. A redacción do proxecto conta cun orzamento de máis de 61.000 euros.
Nos pregos de contratación do proxecto arquitectónico prevese que neste deberá ter un papel protagonista o uso sustentable da madeira. Ao respecto, a Consellería de Sanidade, a través do Sergas e a Axencia Galega de Industria Forestal, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, teñen un acordo para impulsar o uso sustentable da madeira nas consultas e nas salas de espera dos novos centros de saúde, co obxectivo de favorecer a súa humanización e contribuír a un maior benestar dos usuarios e do persoal sanitario.
Tal e como detallou Trenor, o futuro novo centro de saúde nace do compromiso adquirido co concello de Abegondo a través do convenio de colaboración asinado o 30 de marzo de 2021, no que o Sergas comprometeuse á construción dun centro de saúde unha vez que o Concello de Abegondo fixo un gran esforzo para superar un revés urbanístico e elaborar en tempo récord un plan especial de infraestruturas e dotacións, completar todos os seus trámites administrativos e aprobalo por unanimidade no Pleno do Concello.
O novo centro de saúde de Abegondo contará con 3 consultas de medicina, 3 consultas de enfermería, 1 sala de educación maternal, 1 sala de técnicas, 1 polivalente/urxencias, 1 de infecciosos, 1 consulta de pediatría, e de enfermería pediátrica e 1 despacho de coordinación.
Con respecto ao centro actual increméntase en 2 consultas de enfermería, 2 consultas polivalentes, 1 consulta de infecciosos/respiratorios, 1 despacho de coordinación, sala de educación sanitaria, aseos de pediatría, oficios, sala de estar de persoal e vestiarios, incremento de zonas de espera.

Investimento en infraestruturas sanitarias

A construción deste novo centro de saúde significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas de atención primaria que temos en Galicia. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 96 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Coristanco, Oleiros, A Coruña (Novo Mesoiro), Cambre, Malpica, Arteixo, Culleredo, Santiago (Galeras). Nesta lexislatura vense de poñer en marcha os novos centros de saúde de Ames (Milladoiro), Melide ou Narón e as reformas de Ortigueira, Mugardos, As Pontes ou Bertamiráns.
Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de A Coruña, prevé construír 15 novos centros de saúde, nos concellos de Abegondo, A Coruña (Santa Lucía), Ribeira, Noia, Porto do Son, Fisterra, Malpica, Ferrol, Fene, Teo e reformar e ampliar os centros de Santiago (Conxo), Carballo, Culleredo, Cedeira e Vimianzo .
Para iniciar eses proxectos e abordar a execución de outros a Xunta de Galicia conta nos Orzamentos para 2022 con 34,3 millóns de euros para investimentos en atención primaria, a segunda maior partida dos últimos 16 anos, só superada pola de 2021 na que se incorporaba unha partida de 20 millóns de fondo covid destinada a obras menores para axustar circuítos e espazos á pandemia.

Imaxes relacionadas