O centro de saúde da Parda resolve o 99% das chamadas perdidas no mesmo día grazas á plataforma tecnolóxica CRM100

Desde a súa posta en marcha, o pasado 10 de novembro, recibiu máis de 8.000 chamadas, cun tempo medio de resposta inferior aos 48 minutos

Aos 40 centros de saúde nos que xa está en funcionamento o sistema CRM100, sumaranse outros 20 máis a partir deste mes, co obxectivo de estendelo a toda a Comunidade ao longo deste 2022

Pontevedra, 17 de febreiro de 2022

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, visitou, esta mañá, o centro de saúde da Parda, en Pontevedra; no que, está instalada a plataforma tecnolóxica CRM100, o sistema de xestión da relación co paciente. Unha solución innovadora que, no marco do proxecto europeo Código 100, a consellería de Sanidade puxo en marcha, desde comezos do ano pasado, en 40 centros de saúde de toda Galicia.

Tal e como salientou o xerente do Sergas, este aplicativo incorpora un servizo de atención telefónica personalizada: “Permite resolver o 100% das chamadas perdidas nun mesmo día e cun tempo máximo de resposta de dúas horas”. No caso concreto da Parda, desde a entrada en funcionamento, o pasado 10 de novembro, o centro de saúde recibiu, a través do CRM100, un total de 8.301 chamadas –o que supón unha media de 117 chamadas ao día-, cun tempo medio de resposta inferior aos 48 minutos. O 99% dos casos resólvense no día; unha cifra que desprende os bos resultados destes tres meses de actividade do sistema no centro.

Acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo; e do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez; José Flores apuntou que este sistema incorporarase a outros 20 centros de saúde máis a partir deste mes. O obxectivo, engadiu, é despregar, ao longo deste 2022, esta plataforma tecnolóxica a toda Galicia.

Un sistema clave na xestión da pandemia


Segundo afondou, este aplicativo permite xestionar, mellorar e avaliar a interacción entre a cidadanía e os profesionais sanitarios. “E faino potenciando todas as canles dixitais e as aplicacións TIC que Galicia ten despregadas no ámbito da saúde”, apuntou o xerente do Sergas, quen recordou a posición que ten Galicia de referente internacional en innovación no eido sanitario.

E subliñou o papel clave que o sistema CRM100 está a ter na xestión da pandemia. Así, referiuse a que as funcións automáticas que inclúe esta plataforma permitiron optimizar a monitorización dos pacientes con covid e dos seus contactos estreitos; o envío das enquisas para estudar os síntomas da covid persistente; a citación dos procesos masivos de vacinación; ou o lanzamento de campañas de comunicación masivas para actualizar datos ou dar de alta na plataforma É-Saúde.

Compromiso coa atención primaria

Por outra banda, aproveitou para destacar o esforzo inversor da Xunta de Galicia nesta área sanitaria, en canto a “máis investimentos, máis servizos, máis persoal” e máis e mellores infraestruturas. Neste senso, recordou que, ao abeiro do Plan galego de atención primaria 2019-2021, esta área sanitaria incrementou o seu persoal con 25 profesionais máis nas categorías de médicos de familia, enfermería, fisioterapia e traballador social; quedando por cubrir 11 novas prazas para acadar, así, o total de 32 previstas no plan. Catro destas novas prazas –unha de medicina familiar, dúas de enfermería e unha de traballo social- cubríronse neste centro de saúde da Parda.

Asemade, nos últimos seis anos, o Goberno galego fixo importantes investimentos en obras de reforma, renovación de mobiliario e de dotación de novos equipos electromédicos. No que se refire a equipamento, incorporáronse 39 equipos nos cinco centros de saúde da cidade. En concreto, para o centro de saúde da Parda: tres novos elecrocadriógrafos, tres novos holter, tres novos espirómetros e un novo desfibrilador. Igualmente, neste centro levouse a cabo a reparación da impermeabilización da cuberta e a renovación do sistema de xestión de autómatas de instalacións.

Para rematar, o xerente do Sergas fixo mención á nova unidade de fisioterapia do centro de saúde de Virxe da Peregrina, que se puxo en marcha o ano pasado, tras un investimento de máis de 188.000 euros.

Imaxes relacionadas