A Xunta recibe 10 ofertas de empresas para executar 3 sendas nas estradas OU-105, OU-536 e na avenida de Ponferrada, en Ourense, cun investimento de 1,8 M€

O obxectivo é iniciar as obras ao comezo do verán para que poidan estar rematadas a finais de ano ou comezos do próximo, ao ter un prazo de execución de 6 meses

As actuacións na Rabaza, en Ponte Sevilla e na avenida de Ponferrada habilitarán máis de 3,5 km de sendas de uso compartido, peonil e ciclista

Os itinerarios contarán con elementos de separación da estrada e con 9 refuxios nas paradas de autobús para facer máis cómoda a espera aos usuarios

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2022

A Xunta recibe 10 ofertas de empresas para executar 3 sendas nas estradas OU-105, OU-536 e na avenida de Ponferrada, no concello de Ourense, cun investimento de 1,8 millóns de euros.

O obxectivo é iniciar as obras ao comezo do verán para que poidan estar rematadas a finais deste mesmo ano ou comezos do próximo, ao ter un prazo de execución de 6 meses.

Habilitaranse 3 novas sendas de 3,5 km de lonxitude total. Serán de uso compartido, peonil e ciclista, de ancho variable, pero cun mínimo de 1,80 metros para garantir unha boa accesibilidade.

Máis concretamente, actuarase na marxe dereita da estrada autonómica OU-105, executando un itinerario de algo máis de 800 metros na zona de Ponte Sevilla, fronte ao concesionario que hai xunto á glorieta e ata o punto onde se atopa a parada de bus próxima ao tanatorio. Ao comezo do itinerario, na marxe dereita, existe un treito de beirarrúa, de xeito que coa nova senda darase continuidade peonil ata acadar o desvío ao tanatorio As Burgas.

O desvío ao tanatorio As Burgas será o punto final da senda, que terá continuidade nas obras que está a executar a Xunta en Seixalbo, no marco da 2ª fase de mellora da seguridade viaria na que se está a investir case 1 M€ e que pronto estará rematada.

Tamén se executará un novo itinerario de case 1,5 km na estrada que vai a Trives, na OU-536, na Rabaza, neste caso pola marxe esquerda da vía. A senda partirá do paso de peóns no cruzamento co camiño de Souto Sanín, seguirá pola esquerda e desviarase polo terraplén cara á rúa B, continuando ata acadar a intersección coa OU-536 (no quilómetro 2+400).

A terceira das sendas executarase, tamén pola marxe esquerda, na avenida de Ponferrada. Será un itinerario de 1,1 km, desde a avenida de Buenos Aires ata a glorieta que hai no quilómetro 1+950 da estrada OU-536 na Rabaza.

As sendas irán separadas da vía por distintos elementos, en función das necesidades: gabia revestida e con peitoril de seguridade, franxa de vexetación, bordo prefabricado ou combinación destes elementos. Ademais executaranse muros de sostemento en distintos puntos das 3 estradas nos treitos onde se executan os novos itinerarios.

Tamén se ampliará a plataforma da estrada OU-536, cunha estrutura en voadizo ancorada ao muro existente no quilómetro 1+765; melloraranse os sistemas de drenaxe; e deixarase disposta a preinstalación de canalizacións e servizos, ademais de sinalización e a colocación de varandas e sistemas de contención.

As actuacións están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.