O Sergas publica as puntuacións provisionais de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario

Xeráronse un total de 3.379 inscricións e só resultaron excluídas do proceso o 1,66% das solicitudes de participación

A categoría con maior número de solicitudes é a de médico de familia, con 1.182 inscricións

O 18,32% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso
 

Santiago de Compostela, 17de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a relación provisional coa orde de prelación e a puntuación obtidas polas persoas aspirantes admitidas no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario. Concretamente das categorías de persoal de enfermería especialista en saúde mental, traballo, familiar e comunitaria, obstétrico-xinecolóxica e pediátrica; medico de familia, de urxencias hospitalarias, médico coordinador do 061 e médico asistencial do 061; ademais da de pediatra de atención primaria.
Xeráronse un total de 3.379 inscricións e só resultaron excluídas do proceso o 1,66% das solicitudes de participación. A categoría con maior número de solicitudes é a de médico de familia, con 1.182 inscricións. O 18,32% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso
As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
O Sergas, coñecedor da importancia do nivel asistencial da atención primaria e dada a situación sanitaria actual e o déficit de profesionais existente no colectivo médico, ademais de proceder á actualización da lista de aspirantes dispoñibles para a formalización de nomeamentos como médico de familia, vén de negociar na Mesa Sectorial de Sanidade para a súa aprobación en breve polo Consello da Xunta un decreto de oferta de emprego público dun total de 106 prazas de persoal fixo da categoría recentemente creada de facultativo especialista de atención primaria. Estas prazas vanse cubrir no segundo trimestre deste ano polo sistema de concurso, -sen oposición -; categoría que coexistirá coa de médico de familia desenvolvendo as súas funcións tanto nos centros de saúde como nos puntos de atención continuada e á que poderán optar as persoas interesadas en posesión do título oficial de médico especialista en medicina familiar e comunitaria, incluído o persoal MIR que está actualmente no último ano de formación.
Ademais está previsto que se incorporen a partir do próximo luns, 21 de febreiro un total de 14 profesionais da categoría de persoal médico técnico de saúde para prestar funcións de apoio en atención primaria nos ámbitos da xestión da incapacidade temporal, prevención da enfermidade e calquera outro que demanden as necesidades da atención primaria e a protección da saúde.
Con estas actuacións o Servizo Galego de Saúde reafírmase no seu compromiso de reforzar tal nivel asistencial.
Próximas publicacións
Proximamente publicaranse as puntuacións provisionais do proceso de actualización das seguintes categorías: celador, celador quenda discapacidade intelectual, cociñeiro, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servizos xerais, pinche, técnico en farmacia, técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico superior en dietética, técnico superior en documentación sanitaria, técnico superior en hixiene bucodental, técnico superior en imaxe para o diagnóstico, técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico e técnico superior en radioterapia.

 

Imaxes relacionadas