A Xunta aplaude que Portugal sitúe ao Camiño como prioridade e revulsivo da súa recuperación económica

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou nunha visita ao trazado do Camiño da Costa, oficializado polo Goberno luso

Trátase do terceiro itinerario dos Camiños de Santiago ao seu paso por Portugal que o Goberno de Portugal certifica

Caminha (Portugal), 16 de febreiro de 2022

“O Camiño de Santiago é marca Galicia, é o noso mellor embaixador, pero tamén é unha oportunidade de desenvolvemento para todos os territorios polos que pasa”. Así explicou hoxe a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na sua visita ao trazado do Camiño Portugués de Santiago-Camiño da Costa con motivo da súa recente certificación, o que o converte no terceiro itineario xacobeo delimitado en terras lusas, e na que estivo acompañada polo director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa.
No acto, no que se gardou un minuto de silencio na igrexa máis antiga dedicada a Santiago fóra de Portugal, en Santiago de Neiva, en Viana do Castelo, con motivo do afundimento do Villa de Pitanxo, participou o presidente de Turismo Porto e Norte, Luis Pedro Martíns, o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, Nuno Almeida, e os presidentes e representantes das cámaras municipais dos muncipios polos que pasa o Camiño da Costa, así como o alcalde do concello de Tui, Enrique Cabaleiro.
A comitiva percorreu parte do trazado certificado e a directora de Turismo de Galicia aproveitou para loubar os avances de Portugal na posta en valor do Camiño e o gran traballo levado a cabo pola Comisión de Certificación creada por Portugal para a homologación destes itinerarios, na que a Xunta tamén participa a través do Xacobeo.
O traballo de certificación levouse adiante de xeito conxunto polas Secretarías de Estado do Turismo e do Patrimonio Cultural de Portugal, que recoñece a integridade do trazado e o seu elevado valor patrimonial, e que supón a delimitación oficial do terceiro Camiño de Santiago en terras lusas, despois do Camiño Interior e o Camiño Central Portugués.
Con este novo itinerario delimitado e oficializado, os peregrinos poderán continuar o seu camiño desde Portugal cara a Santiago de Compostela a través de dúas entradas: desde Caminha a A Guarda a través do Camiño Portugués da Costa ou continuando ata Valença do Miño e cruzando aTui polo Camiño Portugués.

Cooperación e consenso

O coñecido como Camiño Portugués de Santiago- Camiño da Costa é un itinerario de 138 quilómetros e para a súa certificación Portugal acadou un amplo consenso entre todas as administracións, tanto das cámaras implicadas como dos diferentes departamentos do Goberno luso, o que pemitirá non só a conservación destes itinerarios se non a súa promoción do fenómeno xacobeo que Portugal sitúa como piar fundamental para a captación de viaxeiros nacionais e internacionais, unha valoración na que o Executivo galego coincide plenamente.
Neste sentido, Nava Castro aproveitou para destacar a cooperación existente entre ambos territorios, especialmente a través da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o que permitiu por en marcha proxectos que suporán unha mobilización de preto de 10 millóns de euros nestes anos.

Imaxes relacionadas