A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe unha casa na Merca que podería optar a algún dos novos programas para rehabilitación enerxética residencial

A Xunta recibiu xa máis de 200 solicitudes para as axudas do PREE 5000 e anima aos galegos a aproveitar os incentivos destinados a rehabilitar vivendas

Ángeles Vázquez subliña que os propietarios particulares que se beneficien desta orde poderán recibir unha subvención equivalente á totalidade do custo da obra, que terá que garantir un aforro enerxético no inmoble de, como mínimo, un 30%

Neste sentido, mencionou os programas de rehabilitación a nivel de edificio, a nivel de vivenda e a nivel de barrio, tres novas liñas orientadas á reforma enerxética de inmobles e que, segundo avanzou, sairán publicadas neste primeiro trimestre

A Merca (Ourense), 16 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia recibiu ata o momento máis de 200 solicitudes no marco do Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico (PREE 5000), convocado cun orzamento de 3,8 millóns de euros para o período 2022-2023 e ao que as persoas interesadas poderán optar aínda ata o vindeiro 30 de setembro.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aproveitou hoxe a súa visita a unha casa localizada no concello da Merca para facer un balance provisional da primeira convocatoria do PREE 5000, un dos novos programas dirixidos a subvencionar actuacións de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética en edificios e vivendas.

Tras subliñar a boa acollida que está a ter esta liña de axudas desde que o pasado 3 de xaneiro se abriu o prazo de presentación, a responsable autonómica incidiu na importancia que terán para Galicia os fondos europeos de recuperación destinados a vivenda, polo que animou a concellos e cidadáns a aproveitar esta oportunidade.

A modo de exemplo, referiuse á casa que visitou hoxe, unha vivenda de dúas plantas cuxo propietario, Adrián Riquelme, se amosou interesado en acollerse a algún dos programas previstos para este ano para financiar parte da intervención que ten previsto realizar co estudo de arquitectos Pérez Moreiras sobre a cuberta e a carpintería exterior do inmoble.

Neste sentido, mencionou os programas de rehabilitación a nivel de edificio, a nivel de vivenda e a nivel de barrio, tres novas liñas orientadas á reforma enerxética de inmobles e que, segundo avanzou, sairán publicadas neste primeiro trimestre.

Polo momento, a conselleira explicou que as axudas do PREE 5000 son as únicas que están abertas. Ao respecto, indicou que os propietarios particulares que se beneficien desta orde poderán recibir unha subvención equivalente á totalidade do custo da obra, que terá que garantir un aforro enerxético no inmoble de, como mínimo, un 30%.

Así mesmo, tamén lembrou que outro dos requisitos para beneficiarse deste programa será acreditar que, grazas á intervención executada, o edificio consigue mellorar a súa cualificación enerxética en, polo menos, unha letra.

Para lograr estes obxectivos, a conselleira explicou que no marco dos traballos subvencionables ao abeiro do PREE 5000 poderá actuarse, por exemplo, sobre as carpinterías —tanto interiores como exteriores—, xanelas e portas dos inmobles, co fin de substituílas por outras novas ou mellorar o seu illamento térmico.

Así mesmo, as subvencións irán dirixidas a intervir en vivendas unifamiliares, edificios de tipoloxía residencial colectiva ou vivendas dun edificio consideradas individualmente que foran construídos antes do ano 2007. Estes inmobles terán que estar localizados, ademais, nun municipio menos de 5.000 habitantes ou nun concello non urbano de menos de 20.000, sempre que ningún dos seus núcleos de poboación teña máis de 5.000 veciños.

251 municipios galegos incluídos no PREE 5000

Tendo en conta estes requisitos, Galicia conta cun total de 251 municipios—84 deles ourensáns, con 127.300 habitantes— nos que os propietarios particulares interesados poden acollerse aínda a este programa.

Neste sentido, o alcalde da Merca, José Manuel Garrido, celebrou a convocatoria deste tipo de axudas orientadas a facilitar a rehabilitación de vivendas en municipios como o seu, xa que contribúen, segundo dixo, a que “xente moza se veña vivir ao rural”.

Pola súa parte, Adrián Riquelme explicou que tomou a decisión de “comprar e vivir no rural en vez de na cidade” a pesar de que non é veciño da Merca, pero tendo en conta tamén a súa localización, “a 10 minutos de Ourense”. “Eu optei por vivir no rural e teño que dar grazas á Consellería por darnos a opción de empezar as nosas vidas aquí”, dixo.

Imaxes relacionadas