A Xunta recibe 10 ofertas de empresas para executar as sendas de Soesto e de Serantes, no concello de Laxe, cun investimento de máis de 310.000 €

Construiranse algo máis de 1,3 quilómetros de itinerarios peonís ao longo da antiga traza da estrada AC-433

Conectaranse pola marxe esquerda da vía os lugares do Rueiro e Castrelo, en Soesto, e pola marxe dereita, o núcleo de Serantes coa igrexa de Santa María e o cemiterio

Santiago de Compostela, 16 de febreiro 2022

A Xunta recibe 10 ofertas de empresas para a execución das sendas de Soesto e de Serantes, na antiga traza da estrada autonómica AC-433, no concello de Laxe, que suporán un investimento de máis de 310.000 euros.

As obras consisten na execución de algo máis de 1,3 quilómetros de sendas ao longo da estrada AC-433, que se construirán en formigón coloreado, para facelas máis visibles, e de cor terrizo natural, para unha mellor integración na contorna. O ancho destes itinerarios oscilará entre os 1,50 e os 2 metros.

A senda do núcleo de Soesto proxéctase pola marxe esquerda da AC-433 e ten como obxectivo conectar os lugares do Rueiro e Castrelo. Executarase un itinerario de preto de 600 metros de lonxitude, do punto quilométrico 10+240 ao 10+821, o treito máis urbanizado e, tamén, o que empregan os veciños para ir á praia de Soesto.

No caso de Serantes, a senda executarase ao longo de algo máis de 700 metros de lonxitude pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. Neste caso, o itinerario discorrerá pola marxe dereita da vía, entre os puntos quilométricos 11+390 ao 12+112, para favorecer a conexión coa igrexa de Santa María de Serantes e o cemiterio.

A Xunta incluirá no proxecto a recolocación de toda a sinalización e das defensas existentes. Na zona de Serantes prevense novas defensas que consisten na colocación de 454 metros de varanda metálica galvanizada e 14 balizas cilíndrica flexible tipo, con bandas retroreflectoras.

Esta actuación é susceptible de financiación a través dos fondos React UE de resposta fronte á pandemia.

Plan de sendas de Bergantiños

Estas dúas novas intervencións en Laxe súmanse á senda peonil e ciclista que conecta a vila e o paseo marítimo, xa en servizo desde o pasado verán, que supuxo un investimento da Xunta de 330.000 €. Con ese itinerario conéctase a zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila.

As novas sendas súmanse aos 7 itinerarios, 6 xa en servizo, no marco da primeira fase do Plan de sendas da comarca de Bergantiños. En total, a Xunta impulsou a execución de 11 quilómetros de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de preto de 5 millóns de euros. As actuacións están cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.

O Goberno galego continúa impulsando a execución de novos itinerarios na comarca de Bergantiños para favorecer os desprazamentos cotiáns a pé dos veciños.