A Xunta recibe 16 ofertas de empresas para executar a nova senda na estrada AC-214, no treito entre a Xira e Cambre, cun investimento de máis de 585.000€

Construirase un itinerario mixto, peonil e ciclista, de máis de 1,3 km, atravesando a ponte sobre o río Mero e conectando núcleos e zonas de equipamento e servizos

A senda conectará a capitalidade do concello de Cambre cos itinerarios que existen ao longo do río e, a través destes e doutras sendas impulsadas pola Xunta, co Temple, O Burgo ou o Polígono de Alvedro

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2022

A Xunta recibiu 16 ofertas de empresas para executar a nova senda na estrada autonómica AC-214, no treito entre A Xira e Cambre, que suporá un investimento autonómico de máis de 585.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executará unha senda mixta, peonil e ciclista, de máis de 1,3 quilómetros no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7+220 e 8+540, conectando núcleos de poboación entre eles e zonas de equipamentos e servizos.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de oito meses, consistirán na construción dun itinerario peonil e ciclista na marxe esquerda da AC-214, adaptado na súa configuración ás edificacións existentes, que posibilitará o enlace a pé entre o núcleo de Cambre e A Xira, rematando na estrada AC-213.

Deste modo, a senda conectará a capitalidade do concello de Cambre cos itinerarios que existen ao longo do río Mero, e a través destes e doutras sendas que está a promover a Xunta, cos núcleos e centros de servizos do Temple, O Burgo ou o Polígono de Alvedro.

No que se refire ao deseño, a actuación proxéctase como unha senda de 2 metros de ancho, que se inicia no punto quilométrico 7+220 da vía autonómica AC-214 e discorre paralela a esta pola marxe esquerda, executándose entre treitos xa existentes, para atravesar a ponte existente sobre o río Mero e rematar no quilómetro 8+540.

No seu percorrido, o itinerario discorre por treitos de solo rústico e treitos de solo urbano. Nestes últimos existen beirarrúas que serán reparadas, para o que se procederá ao fresado da capa de rodadura e á súa posterior reposición. Ademais, acondicionarase a entorna da parada de autobús situada entre os puntos quilométricos 7+575 e 7+605.

Na intervención formúlase, tamén, a execución de dous muros de mampostería de 21 e 17 metros de lonxitude, respectivamente, e de altura variable de 1 a 2,50 metros, entre os puntos 7+329 ao 7+350 e do 7+971 ao 7+988 para soster a senda e mantela elevada sobre o leito do río existente.
A actuación é susceptible de financiación a través dos fondos FEDER 14/20.