O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, compareceu hoxe na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia

A Xunta sinala que conta con protocolos e programas para a concienciación, o tratamento e o apoio en casos de abusos sexuais a menores

Aseverou que todos os casos de abusos sexuais teñen que ser denunciados e teñen que saír a luz e lembrou que todos os recursos do Goberno galego van estar sempre a disposición de todas as vítimas

Concretou que se ofrecen campañas de concienciación para previr estas situacións e incentivar as denuncias por parte das vítimas

Ofrécese un tratamento integral en colaboración coas forzas e corpos de seguridade, cos órganos xudiciais, coa fiscalía e co Valedor do Pobo

Galicia conta cun programa especializado que ofrece apoio, asesoramento e axuda ás vítimas para reparar, na medida do posible, o dano sufrido

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, respondeu hoxe na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia a unha pregunta sobre as actuacións do Goberno galego en casos de abusos sexuais a menores. Durante a súa intervención sinalou que a Xunta conta con protocolos e programas para a concienciación, o tratamento e o apoio ás vítimas que se poñen en marcha desde hai anos ante estas situacións.

O director xeral lembrou as palabras do presidente da Xunta sobre esta cuestión, quen afirmou que todos os casos de abusos sexuais teñen que ser denunciados e teñen que saír á luz e, engadiu, “sen importar cando, onde ou a mans de quen se cometeu ese abuso”. Neste sentido, aseverou que todos os recursos do Goberno galego, nomeadamente o programa de intervención especializado a vítimas de abusos sexuais ou o conxunto de recursos do Sergas, van estar sempre a disposición de todas as vítimas de abusos sexuais.

Jacobo Rey afirmou que esta situación conta cun carácter prioritario para a Xunta de Galicia. En concreto, detallou que o Goberno galego participa na Campaña do Consello de Europa para a Prevención da violencia sexual contra nenos, nenas e adolescentes que pon en marcha iniciativas de concienciación e divulgación de material dixital sobre esta materia. Esta colaboración resulta especialmente importante, sinalou, porque abre os centros educativos ao tratamento desta situación, tentando así desmontar o tabú que en moitas ocasións aínda a rodea e incentivar así as denuncias.


Concienciación, actuación e apoio

 

Así mesmo, apuntou que o Goberno galego ofrece un tratamento integral desta situación promovendo a prevención, notificando os casos detectados e ofrecendo o apoio necesario ás vítimas. Neste sentido, lembrou que Galicia conta desde o ano 2000 cun protocolo interadministrativo de actuacións en casos de abusos sexuais a menores. Un protocolo que permite traballar de forma coordinada coas forzas e corpos de seguridade, cos órganos xudiciais, coa fiscalía e co Valedor do Pobo.

Do mesmo xeito, o director xeral puxo en valor que tras a concienciación e a actuación coordinada, o Goberno galego ofrece tamén apoio a todas as vítimas. En concreto, a través dun programa especializado que ofrece tratamento terapéutico e trata de reparar, na medida do posible, o dano sufrido polas vítimas de abusos sexuais. Así, permite adquirir información, proporcionar recursos, proporcionar axuda psicolóxica e asesorar ás persoas que forman parte do círculo de referencia da vítima.