O conselleiro de Educación e o director de Educación e Habilidades da OCDE, Andreas Schleicher, reuníronse esta tarde

Román Rodríguez avalía en París co coordinador do Informe PISA as liñas de futuro para mellorar a formación da mocidade galega

Galicia é, de media, a primeira comunidade de España nos resultados das competencias científica, matemática e lectora do último PISA

O conselleiro de Educación subliñou a importancia deste encontro para afondar “nas liñas de traballo e nas innovacións que marcarán a medio prazo o futuro da educación”

París (Francia), 15 de febreiro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o director de Educación da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) e coordinador do informe PISA, Andreas Schleicher, reuníronse esta tarde en País para avaliar as liñas de futuro para mellorar a formación da mocidade galega no marco desta organización.

Cómpre lembrar que Galicia é a primeira comunidade autónoma de España na media dos resultados nas tres competencias (Ciencias, Lectura e Matemáticas) do último informe PISA, superando o rendemento promedio de España por 21 puntos, o da Unión Europea por 10 puntos e o da OCDE por 13 puntos. Esta puntuación sitúa o sistema educativo galego ao nivel de países como Irlanda, Reino Unido, Eslovenia, Nova Zelandia, Suecia, Países Baixos, Dinamarca, Alemaña, Bélxica, Australia, Suíza e Noruega.

O representante da Xunta de Galicia transmitiu ao director de Educación da OCDE a prioridade que a educación supón nas liñas de actuación do Goberno galego, que se ve confirmado tanto polos resultados en PISA como por unha redución de máis de 17 puntos na taxa de abandono educativo temperá desde o 25,8% de 2009 ata o 8,1% rexistrado no ano 2021. Román Rodríguez reflexionou que se trata de resultados “moi por riba do que cabería esperar en función da renda media de Galicia”.

Así mesmo, puxo en valor a importancia deste encontro que serviu para “afondar nas liñas de traballo no proceso de ensino-aprendizaxe e nas innovacións que marcarán a medio prazo o futuro da educación”, abondou.

Impulso da FP Básica Dual

En relación aos obxectivos marcados polo último informe anual OCDE Educación dunha Ollada 2021, que destaca a necesidade de redobrar os esforzos para facilitar un modelo de aprendizaxe permanente e inclusivo, o conselleiro de Educación explicou que Galicia é a CCAA máis inclusiva, con case o 93% do alumnado con necesidades especiais escolarizado en centros ordinarios.

Así mesmo, no relativo á necesidade que detecta o informe de rebaixar as taxas de xente nova que nin estuda nin traballa, o conselleiro sinalou que a nova Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030, dotada con 900M€ ata 2024, porá o acento no fomento da FP Básica como alternativa ao abandono. De feito, fomentarase a posta en marcha de proxectos de ciclos de grao básico na modalidade dual, de tal forma que se facilite o acceso destes titulados ao mercado laboral.

Ademais, tamén na liña da recomendación da OCDE de crear vínculos entre os centros educativos e as empresas, a Estratexia de FP de Galicia para esta década avoga por estreitar aínda máis a relación co tecido socioprodutivo, creando unha rede de centros de excelencia especializados en ciclos e familias profesionais, preferiblemente da súa contorna. Ademais, crearase un distintivo co fin de recoñecer o compromiso das empresas coa formación do alumnado da FP galega.

Impulso da educación dixital

O informe da OCDE insiste tamén na necesidade de impulsar a transformación dixital e a innovación no ensino. Nesta liña, a Xunta vén de aprobar a Estratexia Educación Dixital 2030, dotada con 120M€ para os tres primeiros anos, que se sustenta en dous piares básicos: o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital

A Estratexia inclúe unha ducia de accións enfocadas a unha maior presenza da educación dixital nas aulas co fin de acadar a cidadanía dixital plena, fomentar contextos híbridos de ensino-aprendizaxe (que mesturan o dixital e o presencial) ou atallar a fenda dixital. Entre outras medidas para acadalas, dotarase de polos creativos a todos os centros públicos galegos, implantarase a Intelixencia Artificial e traballaranse as competencias en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (STEM), a robótica e as tecnoloxías intensivas.

Imaxes relacionadas