O observatorio da eólica mariña impulsado pola Xunta avanza na identificación de oportunidades para o sector

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou hoxe nun novo encontro do grupo de traballo centrado en tecnoloxía e innovación, mantendo o compromiso de que calquera proxecto deberá ser compatible coas actividades xa existentes

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2022

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá xunto con representantes das consellerías do Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, nun novo encontro do Observatorio da eólica mariña, en concreto do grupo de traballo centrado na tecnoloxía e innovación.

O Observatorio continúa, deste xeito, traballando na identificación de oportunidades e na avaliación de como pode afectar ao contorno e á actividade marítimo-pesqueira a instalación deste tipo de parques eólicos.

Un traballo que se está realizando desde a colaboración e o diálogo con todos os axentes implicados, así como co compromiso de favorecer un desenvolvemento deste sector ordenado, froito da planificación, e coas garantías de que calquera proxecto que se aprobe sexa compatible coas actividades xa existentes, respectando e protexendo o medio ambiente a as costas galegas.

A este respecto, Galicia segue agardando o documento definitivo do Goberno central dos Plans de Ordenamento do Espazo Mariño (POEM), a folla de ruta que establecerá as zonas nas que se poderá estudar a posibilidade de instalar parques así como as liñas de evacuación. Mentres isto non ocorra ningún promotor pode tramitar un parque eólico mariño.
 

Imaxes relacionadas