O director xeral de Familia, infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na segunda reunión deste órgano autonómico

O Observatorio Galego da Familia e infancia creará un grupo de traballo para avanzar na implantación da Lei de protección integral aos menores

Este órgano colexiado é o encargado de asesorar, apoiar, analizar, estudar e propoñer actuacións nesta materia

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na reunión do Observatorio Galego da Familia e infancia, que se celebrou por videoconferencia. Durante a xuntanza se propuxo a creación de dous grupos de traballo, que se conformarán nas seguintes sesións. O primeiro deles será o encargado de avanzar na implantación da Lei de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia. O segundo dos grupos centrarase na saúde mental infanto-xuvenil.

Os grupos de traballo estarán formados por membros do Observatorio, entidades e asociacións máis representativas da comunidade autónoma que desenvolvan as súas accións no ámbito da familia e a infancia e organizacións, asociacións e colectivos que representen os seus intereses, así como persoas expertas ou persoal técnico da Administración competentes na materia obxecto do traballo, que serán designados pola Presidencia do Observatorio.

Funcións de coordinación e sensibilización

Este órgano colexiado é o encargado de asesorar, apoiar, analizar, estudar e propoñer actuacións nesta materia. Así, entre as funcións atópanse promover a elaboración de plans e estratexias de familia, infancia e adolescencia; avaliar o impacto das políticas fiscais, laborais e sociais desenvolvidas polas Administracións; coordinar e harmonizar as actuacións das Administracións nestes ámbitos; ou sensibilizar á cidadanía no coñecemento e respecto dos dereitos da infancia.