A biblioteca da Xunta na Coruña súmase á celebración do centenario de María Casares cunha exposición de 200 fondos propios

O secretario xeral de Cultura inaugura a mostra ‘María Casares, residente privilexiada’, que forma parte da programación do Goberno galego co gallo da efeméride

A iniciativa ofrece un percorrido pola vida da actriz a través de diverso material bibliográfico, gráfico e audiovisual que poderá visitarse ata decembro

A Coruña, 15 de febreiro de 2022

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na biblioteca da Xunta na Coruña Miguel González Garcés a exposición María Casares, residente privilexiada, que forma parte da ampla programación organizada polo Goberno galego con motivo do centenario da actriz. A través de 200 fondos propios do espazo bibliotecario, como publicacións, fotografías ou filmes, a iniciativa achégalle á cidadanía esta figura universal cun percorrido pola súa vida e contorna familiar que poderá visitarse ata decembro.
Segundo sinalou Anxo M. Lorenzo, o nome da mostra alude ao status na tarxeta de residencia orixinal emitida en Francia, que lle deu título tamén ao libro de memorias publicado pola artista en 1980. O percorrido creado na sala de exposicións artéllase en diversas partes que inclúen desde as orixes da actriz na Coruña ata os numerosos premios e recoñecementos que recibiu ao longo da súa vida. Recolle tamén material arredor do seu primeiro traslado a Madrid, do exilio en Francia, do reencontro con Galicia e do seu regreso a España.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade incidiu especialmente no apartado dedicado á biblioteca Casares Quiroga, incautada e destruída na súa meirande parte tras o exilio da familia. Dos 1245 títulos inventariados, dous incunables están depositados no Arquivo do Reino de Galicia e 780 se conservan nun fondo diferenciado na biblioteca Miguel González Garcés. Os demais están en paradoiro descoñecido. “Os 780 títulos conservados na biblioteca suman 1136 volumes pertencentes á colección persoal de Santiago Casares, dos que se expón un escolma de 57 exemplares”, apuntou.

Programación diversa e internacional

A programación conmemorativa da Xunta co gallo do centenario da actriz comezou a semana pasada co inicio do ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario, que se vai desenvolver no Museo de Belas Artes ao longo de todo o ano. A mostra inaugurada hoxe é a primeira das previstas polo Goberno galego no marco desta efeméride, xa que en vindeiros meses as bibliotecas das demais cidades acollerán tamén unha exposición itinerante.
Tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, ademais das expositivas, as actividades previstas inclúen “propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán a pegada histórica de Casares en diferentes plataformas e linguaxes”. Trátase de proxectos deseñados en colaboración con diversas entidades, como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes ou a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entre outras, e que se estenderá máis aló de Galicia, con accións en Madrid e París.