A Xunta proxecta 57 vivendas de promoción pública na rúa Lorenzo Varela Poeta de Lugo, cun orzamento estimado de 7,8 M€

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, explica que está previsto licitar a redacción do proxecto no segundo trimestre deste ano

Edificarase nunha parcela de 1.318 metros cadrados propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) no entorno da praza do Castiñeiro
 

Lugo, 15 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia prevé construír 57 vivendas de promoción pública (VPP) na rúa Lorenzo Varela Poeta de Lugo, cun orzamento estimado de 7,8 millóns de euros.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, anunciou hoxe que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé licitar no segundo trimestre deste ano a redacción do proxecto e a dirección facultativa da obra, para o que reserva neste exercicio unha partida de 351.000 euros.

A nova promoción ocupará un solar de 1.318 metros cadrados que fai esquina entre as rúas Lorenzo Varela e Ramón Piñeiro, no entorno da praza do Castiñeiro. A parcela, propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), ten unha edificabilidade 7.908 metros cadrados, dos que 6.590 se destinarán a vivendas. A altura permitida é de seis andares (baixo máis cinco plantas).

Os 57 pisos resultantes, 17 máis dos 40 previstos inicialmente, calcúlanse para espazos residenciais de 90 metros cadrados. Porén, o proxecto final podería dar lugar a algunha vivenda máis no caso de que inclúa domicilios de menores dimensións cun ou dous dormitorios.

“A ubicación na zona do Castiñeiro adáptase mellor ao proxecto da Xunta”, sinalou Arias, quen engadiu que a futura actuación axudará a dar resposta á demanda de vivenda de promoción pública na cidade de Lugo.

Nese sentido, lembrou que a Administración autonómica segue rehabilitando inmobles para alugar no barrio da Tinería, onde o Goberno galego xa leva recuperado máis dun cento de vivendas e nos próximos meses prevé entregar seis máis. En todo caso, o delegado territorial lembrou que a Xunta segue esperando a que o Concello de Lugo conceda as licenzas de primeira ocupación para estes seis inmobles rehabilitados, a pesar de que a primeira solicitude data xa de maio de 2021.

Axudas para acceder a unha vivenda

A maiores, Arias subliñou que Administración autonómica ofrece axudas directas para adquirir vivendas, como as que contempla a liña de achegas de ata 15.000 euros para comprar en cascos históricos ou o programa para mercar vivendas protexidas -ambos co prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro-; e a medida para adquirir vivendas no rural dirixida a menores de 35 anos, que se prevé convocar no primeiro trimestre.

Bono alugueiro social

Así mesmo, xa están convocadas as axudas do Bono de alugueiro social correspondentes a 2022, co obxecto de facilitar o acceso e o mantemento dunha vivenda en réxime de arrendamento a aqueles colectivos con maiores dificultades económicas.

Así mesmo, o Bono tamén prevé a concesión dunha axuda adicional de 600 euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de alugueiro ou, no caso de que o beneficiario permaneza na mesma vivenda, para atender débedas subsistentes. Coa concesión desta axuda e do complemento, o beneficiario recibe o 100% da mensualidade máxima do alugueiro, que no caso das sete cidades galegas pode chegar ata os 450 euros; en concellos de tamaño medio, ata 400 euros; e no resto, 350 euros.

 

Imaxes relacionadas