A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade participou hoxe na sesión do Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña, que someteu a aprobación o proxecto

A Xunta celebra o paso adiante da aprobación do proxecto de conexión ferroviaria de Punta Langosteira e aposta por que se liciten as obras canto antes

Ethel Vázquez salienta que este fito será posible grazas ao tesón e á continua reivindicación desta infraestrutura por parte da Xunta e do seu presidente

Traslada a importancia de que o tren a Langosteira comece a materializarse por ser imprescindible para a competitividade da área e para liberar os espazos portuarios interiores e recuperalos para uso e desfrute dos cidadáns da Coruña

A Coruña, 15 de febreiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o paso adiante que supón a aprobación por parte do Consello de Administración do Porto da Coruña do proxecto de conexión ferroviaria do porto exterior de Punta Langosteira e apostou por que as obras sexan licitadas canto antes.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade salientou, antes de participar na sesión do Consello de Administración na que someteu a aprobación o proxecto, que este é o último paso antes da licitación das obras da conexión ferroviaria. Un fito, dixo, que será posible grazas ao tesón e á continua reivindicación desta infraestrutura por parte da Xunta e, máis en concreto, do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que logrou “arrincar ao ex-ministro Ábalos o compromiso coa súa execución”.

Ethel Vázquez remarcou que a conexión ferroviaria de Punta Langosteira é estratéxica para a cidade da Coruña pero tamén para a toda súa área, que verá reforzada a súa competitividade e impulsado o seu desenvolvemento económico.

Incidiu en que a obra permitirá liberar o centro da cidade do tránsito de moito tráfico pesado e do transporte de mercadorías perigosas, ademais de contribuír á liberación dos espazos portuarios e á recuperación dos peiraos interiores para uso e desfrute dos cidadáns da Coruña.

Agarda agora que a licitación das obras da conexión ferroviaria por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana se produza o antes posible para que empece a materializarse esta infraestrutura “imprescindible”. Tamén agarda avances nas negociacións para acadar o outro grande obxectivo que é a recuperación da fachada marítima e a súa posta á disposición dos coruñeses.