A Xunta achega máis de 500.000 euros a 23 pemes da provincia de Lugo para impulsar proxectos de dixitalización

O delegado territorial, Javier Arias, explica que os apoios concedidos permitirán mobilizar 1 M€ para poñer en marcha iniciativas de desenvolvemento tecnolóxico, como sistemas de comercio electrónico ou de xestión integral, entre outras

Arias visitou unha das empresas beneficiarias da pasada edición, Maderas Besteiro, que conta co apoio do Goberno galego para impulsar un proxecto de dixitalización de procesos nas diferentes áreas de negocio e departamentos da empresa
 

Lugo, 15 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia vén de conceder axudas por un importe total de 508.800 euros a 23 pemes da provincia de Lugo para poñer en marcha proxectos de desenvolvemento tecnolóxico que mobilizarán investimentos por valor dun millón de euros.

Así o anunciou o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, no transcurso dunha visita a Maderas Besteiro (Lugo), que ten aprobada unha axuda de 139.900 euros con cargo á anterior convocatoria deste programa para financiar un importante proxecto de dixitalización de procesos nas diferentes áreas de negocio e departamentos da empresa, incluída a implantación dun sistema de comercio electrónico nas súas instalacións da cidade luguesa. A achega concedida representa o 43% do investimento.

Arias destacou que Maderas Besteiro é unha das firmas do seu ámbito “máis activas no eido da innovación e desenvolvemento da Industria 4.0”, o que lle ten servido para gañar en competitividade e “converterse nun referente a nivel nacional” na área da transformación e construción con madeira. A peme lucense contou co apoio da Xunta de Galicia para impulsar diferentes proxectos ao longo dos últimos anos de cara a modernizar os seus procesos industriais.

En canto á convocatoria que acaba de resolverse, correspondente a 2021, Arias explicou que once das empresas beneficiarias están na capital lucense, dúas en Foz, dúas en Vilalba e unha en cada un dos seguintes concellos: O Corgo, Rábade, Palas de Rei, Monforte de Lemos, Chantada, Begonte, Sarria e Viveiro.

Pertencen a sectores moi variados, como alimentación, distribución, ensino, impresión dixital, elaboración de produtos cárnicos, tratamento de augas, almacenaxe, maquinaria agrícola, instalacións de seguridade, transporte, enxeñería, pesca ou ramo inmobiliario, entre outros.

Entre as iniciativas impulsadas nesta edición destacan a implementación de procesos de comercio electrónico, sistemas de xestión integral e sistemas de intelixencia de negocio. Tamén se financia a adquisición de equipamentos e software e as colaboracións necesarias para a súa aplicación.

Esta liña de axudas xestionada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, ten por obxecto impulsar a transformación dixital do tecido produtivo galego. A finalidade é que as pemes, os establecementos comerciais e as agrupacións empresariais poñan en marcha proxectos individuais e colectivos que melloren a súa competitividade facilitando así facer fronte ao actual contexto económico provocado pola covid-19.

As achegas, cofinanciada por fondos Feder, cobren con carácter xeral o 50% dos investimentos e chegan ao 70% no caso das pequenas e medianas empresas dos sectores téxtil e moda, a automoción e a industria auxiliar do naval.
 

Imaxes relacionadas