A conselleira de Política Social, Fabiola García, achegouse á sede de Down Galicia para coñecer a unha das rapazas que deu voz á protagonista desta peza audiovisual galega

Fabiola García felicita a Pepa Lockhart e Lucía Serén por participar en ‘Valentina’, gañadora do premio Goya á mellor película de animación

Destacou que esta peza audiovisual é unha oda á plena inclusión, que ten como piar fundamental a sensibilización e a concienciación das nenas e nenos

 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, achegouse a Down Galicia para felicitar á asociación e, en especial, á compostelá Pepa Lockhart e a lucense Lucía Serén por participar en Valentina, gañadora do premio Goya á Mellor Película de Animación.

Valentina é un filme galego de debuxos animados que protagoniza unha nena con síndrome de Down que soña con ser trapecista. Pepa Lockart foi a encargada de darlle voz á protagonista da película na versión en castelá e Lucía Serén, que non puido estar no día de hoxe, fíxoo na versión en galego.

Fabiola García destacou que esta peza audiovisual é unha oda á plena inclusión, que ten como piar fundamental a sensibilización e a concienciación das nenas e nenos. Por esta razón, gabou a participación de Pepa e Lucía na película porque “achegaron realidade e déronlle verdade a unha historia que podería ser a de moitas nenas e nenos con síndrome de Down”, subliñou.

Neste sentido, a conselleira destacou os avances acadados na integración das persoas con discapacidade. Así, detallou que as persoas con síndrome de Down xa destacan en moitos espazos, como sucede no mundo do cine, no do deporte ou no ámbito político, no que desde o 2019 se lles garantiu con toda normalidade os mesmos dereitos que gozan os demais cidadáns.

Preto de 25 anos de traballo

Así mesmo, Fabiola García felicitou a Down Galicia por formar parte deste exitoso proxecto e por levar case 25 anos de traxectoria e de traballo a prol do dereitos e intereses das persoas con síndrome de Down e das súas familias. A conselleira puxo en valor o apoio da Xunta de Galicia a esta entidade, á que o pasado ano lle achegou máis de 1,5 millóns de euros a través de diferentes liñas de financiamento.


 

Imaxes relacionadas