A plataforma de teleasistencia domiciliaria do Sergas escollida pola Unión Europea como modelo de boas prácticas

A Comisión Europea incluíu o sistema Telea como unha das boas prácticas

A transferencia de coñecemento deste sistema será levada a cabo polo Servizo Galego de Saúde

Países como Suecia, Italia e Romanía mostraron interese nesta práctica
 

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2022

A plataforma de teleasistencia domiciliaria do Servizo Galego de Saúde, para o seguimento e contacto entre pacientes crónicos e profesionais sanitarios, Telea, vén de ser seleccionada pola Comisión Europea como unha das boas prácticas a transferir a outros países membros.
Telea foi escollida pola Comisión Europea como unha boa práctica no seo da convocatoria pública do ano 2021. Así, tras as xuntanzas de intercambio de coñecemento e experiencias para o ámbito da atención primaria, a institución europea valorou positivamente o sistema de monitoraxe galego e a súa posible adaptación a outros países.
Ata o de agora, trasladaron o seu interese pola plataforma Suecia, Italia e Romanía. Neste sentido, o Sergas, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e de ACIS, coordinará, asesorará e verificará, durante os próximos catro anos, os proxectos de transferencia da telemonitorización aos países da Unión Europea interesados.
Telea, un sistema de seguimento áxil e eficaz
O sistema de telemonitorización galego leva anos optimizando a relación entre os pacientes e os profesionais Sergas, facilitando o seguimento do seu estado de saúde, dun xeito áxil, eficaz e sen necesidade de desprazamentos. Así, o seguimento individualizado permite unha asistencia sumamente próxima ao paciente, coa detección rápida dalgunha alteración dos parámetros rexistrados.
Desde o ano 2015, en que comezou a súa implantación, Telea leva rexistrados máis de 977.000 datos de pacientes e, na actualidade, fai seguimento diario a máis de 6.000 pacientes que padecen algunha das 16 patoloxías rexistradas nos perfís de Telea.

Ademais, o sistema de teleasistencia domiciliaria xogou un papel fundamental durante a xestión da pandemia provocada pola covid-19 pois, a estes 6.000 pacientes, tamén se engaden os casos activos e os seus contactos estreitos, aos que se lles oferta unha canle electrónica de comunicación.
Telea ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida dos enfermos a través dun seguimento estreito, encamiñado a detectar con axilidade descompensacións nos indicadores de saúde.