A Xunta convoca as novas edicións dos seus premios de literatura dramática cunha dotación global de 26.000 euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases do XXVI Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o XII Manuel María de Literatura Dramática Infantil e o XV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques

Os tres galardóns comparte como obxectivo servir de estímulo e recoñecemento para a creación literaria en galego no eido teatral

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases das novas edicións dos tres premios de literatura dramática que a Xunta de Galicia convoca con periodicidade bienal: XXVI Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XII Manuel María de Literatura Dramática Infantil e XV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades de público infantil e adulto, que suman unha dotación económica de 26.000 euros (8000 euros para o primeiro deles e 6000 euros para cada un do resto de galardóns e categorías).

Os tres comparten como obxectivo servirlle de estímulo á creación literaria no eido dramático, así como procurarlle un maior recoñecemento e proxección social. Co mesmo fin e ademais das devanditas contías económicas, as bases establecen a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén con diferentes editoriais galegas.

Presentación de orixinais ata o 2 de maio


Poden optar a estes galardóns aquelas persoas físicas maiores de idade que participen con textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto desde mañá ata o 2 de maio.

Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que se deberá ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral. Así mesmo, para o Álvaro Cunqueiro e o Manuel María, quedan excluídos os textos para teatro de monicreques.
Un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico será o encargado da valoración de todos os textos recibidos no prazo e forma indicados, preferiblemente por vía electrónica a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. O seu ditame farase público antes do 10 de decembro de 2022 e para emitilo, teranse en conta aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a viabilidade escénica, a adecuación a cada galardón e o coidado da lingua.

Na anterior edición, o premio Álvaro Cunqueiro recaeu en As desterradas, de Carme Varela, ao tempo que o Barriga Verde nas súas modalidades para adultos e para rapaces foi, respectivamente, para Esther F. Carrodeguas por República Sideral e para Carlos Losada-Galiñáns por Pois eu!. Pola súa banda, o Manuel María foi declarado deserto.

As desterradas está xa publicado na colección Biblioteca Dramática Galega, que a Xunta mantén con Edicións Xerais, mentres que República Sideral e Pois eu! forman parte da serie Barriga Verde, con Baía Edicións. Os tres títulos poden adquirirse tanto na Libraría Institucional da Xunta como nos principais puntos físicos de venda.

Imaxes relacionadas