A Xunta concede máis de 520.000€ aos nove concellos do Condado e A Paradanta para a mellora de camiños ao abeiro do Plan Marco

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución nunha dobre visita de supervisión ás obras realizadas coa anterior convocatoria nos concellos de Covelo e Mondariz-Balneario xunto aos alcaldes, Pablo Castillo e José Antonio Lorenzo

O Concello de Covelo acondicionou varios camiños en Godóns cunha achega de máis de 61.000 euros, mentres que Mondariz-Balneario acometeu a reforma da vía da Capela de San Pedro e outras obras menores cunha axuda de 24.000 euros

“A Xunta vai inxectar máis de medio millón de euros nestas bisbarras para a mellora das súas pistas municipais de uso agrícola, o que é moi importante para facilitar a mobilidade interna e a destinada a estas tarefas do campo, e ademais este ano a partida increméntase de xeito considerable nunha media dun 30% con respecto a 2021”, sinalou o representante autonómico
 

Covelo-Mondariz Balneario, 14 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, vén de conceder unha achega de 523.292 euros aos nove concellos das bisbarras do Condado e A Paradanta ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución nunha dobre visita aos concellos de Covelo e Mondariz-Balneario, onde supervisou as obras realizadas coa anterior convocatoria na compaña dos alcaldes, Pablo Castillo e José Antonio Lorenzo, respectivamente.
“A Xunta vai inxectar máis de medio millón de euros nestas bisbarras do interior sur da provincia para a mellora das súas pistas municipais de uso agrícola, algo que é fundamental para axudarlles a facilitar a súa mobilidade interna e tamén a destinada a estas tarefas do campo. Ademais, a aposta pola colaboración cos concellos refórzase aínda máis, xa que a partida increméntase de xeito considerable nunha media dun 30% con respecto a 2021”, sinalou o representante autonómico.
En concreto, a resolución deste departamento da Consellería do Medio Rural outorga 87.899 euros á Cañiza, 77.129 euros a Covelo, 50.004 euros a Crecente, 45.392 euros a Arbo, 64.904 euros a Ponteareas, 59.519 euros ás Neves, 54.828 euros a Salvaterra, 54.668 euros a Mondariz e 28.949 euros a Mondariz-Balneario.

Visitas a pé de campo

Na súa visita ás bisbarras, o delegado territorial acudíu a supervisar en primeira instancia a mellora de camiños en Godóns, no termo de Covelo, que foi executada cunha achega de 61.519 euros do Plan Marco 2021-2022. Esta actuación dá continuidade ás realizadas en anos anteriores, ao abeiro deste mesmo programa, nos lugares de Sal Salador de Prado, Prado de Canda, Piñeiro, Campo, Barciademera, Casteláns, Santa Mariña, Paraños e Covelo por un importe de 320.449 euros.
Por outra banda, Luis López tamén se desprazou ao concello de Mondariz-Balneario para comprobar a mellora da vía da Capela de San Pedro e outras obras menores, que contaron cun financiamento de 23.590 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. No derradeiro lustro, este municipio recibíu 114.577 euros do Plan Marco para acondicionar pistas municipais en Cambelas, Escobeiro e outros puntos do seu territorio.
 

Imaxes relacionadas