O conselleiro do Medio Rural participou hoxe por videoconferencia no Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios

A Xunta insta ao Estado a fomentar un acordo nacional entre distribución, industria e gandeiros do leite para incrementar os prezos dos contratos cunha prima de emerxencia de 4 céntimos por litro

Sinalando que queda acreditada unha venda a perdas xeneralizada, José González insistiu na necesidade de que se active esta medida xa aplicada polo Goberno italiano, co fin de paliar as dificultades que atravesan os produtores polo incremento de custos

A tempo, reiteroulle ao executivo do Estado que se deben facer realmente efectivas medidas como a Lei da Cadea Alimentaria, para aliviar a situación do sector do vacún

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe por videoconferencia no Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, onde instou ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a que propicie un gran acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros de vacún de leite a nivel nacional, que faga que se habiliten os mecanismos necesarios para incrementar o prezo actual dos contratos de venda de leite cunha prima de emerxencia que garanta a viabilidade e sustentabilidade económica do sector. Segundo o conselleiro, esta prima debe ser -cando menos- de ata 4 céntimos por litro, cun tope de 41 céntimos, e debería manterse durante todo este ano. O obxectivo desta prima, xa aplicada polo Goberno de Italia, é paliar as dificultades que está a atravesar o sector polo incremento dos custos de produción.

Nesa liña, o titular de Medio Rural apuntou que se vén constatando unha suba de custos de produción superior ao 10% que repercute en 4 céntimos no litro de leite e en 75 céntimos no caso do quilo de carne. Deste xeito, sinalou, queda acreditada unha venda a perdas xeneralizada, nun contexto internacional de encarecemento das materias primas e de insumos como a luz, o combustible e os fertilizantes, entre outros.

Nesta conxuntura, José González reclamou a habilitación de mecanismos específicos de control que garantan o cumprimento da prohibición de venda a perdas, especialmente nas relacións nas que interveñan os produtores primarios. Así, de cara a que as comunidades autónomas vaian asumir as funcións da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), organismo que ata agora tiña carácter estatal, o conselleiro solicitou unha mellor regulación destes mecanismos de control. A maiores, apuntou á necesidade de que o Estado contribúa de xeito financeiro ao desempeño destas novas competencias, facéndose cargo do custo que suporían ata unha vintena de inspectores na nosa comunidade a través do Proyecto estratégico para la recuperación y transformación económica (PERTE) do sector agroalimentario.

Na súa intervención, o conselleiro insistiu -ademais- en que na normativa estatal se recoñeza como medio de proba do custo efectivo de produción o que se determine a través de aplicacións ou plataformas informáticas especificamente deseñadas ao efecto por parte de organismos públicos con competencias en materia agraria, como a xa implementada en Galicia Conta Láctea. A implantación desta ferramenta está permitindo xa -apuntou- ter datos homoxéneos que sirvan de referencia para a negociación dos contratos dos gandeiros coa industria.

Imaxes relacionadas