A Xunta entrega catro vivendas de promoción pública na cidade da Coruña

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, lembra que están abertas as dúas liñas de axudas para compra ou rehabilitación de vivendas protexidas

A Coruña, 14 de febreiro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, entregou hoxe as chaves de catro vivendas de promoción pública na cidade da Coruña. En concreto, foron dous inmobles na rúa Glasgow, un de 57,93 m2 e outro de de 76,40 m2, de tres e catro habitacións, respectivamente; e outros dous pisos na rúa Ribeira Sacra, de 78,24 m2e de 82,42 m2, con tres habitacións cada un.

Trenor explicou que unha das prioridades do Goberno galego “é facilitar o acceso á vivenda aos galegos”, mediante os programas de axudas para a adquisición dun inmoble, ou en réxime de alugueiro, grazas aos inmobles do parque público da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na provincia.

As persoas interesadas en optar a futuras adxudicacións deben estar inscritas no Rexistro Único de Demandantes, trámite que poden realizar en calquera momento tanto de xeito presencial como a través da sede electrónica da Xunta. As listaxes de candidatos determínanse mediante un sorteo ante notario entre todas as persoas inscritas.

O delegado territorial sinalou que neste momento están convocados dous programas de apoio en materia de vivenda protexida. O primeiro consiste en achegas dirixidas ás comunidades de propietarios para a reparación, a rehabilitación ou adaptación dos edificios promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). O prazo de presentación de solicitudes remata o 4 de abril.

O segundo subvenciona a compra de vivendas protexidas por parte de adquirentes ou adxudicatarios, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica neste 2022. O prazo de solicitude permanece aberto ata o día 30 de setembro, co fin de repetir a boa acollida que tivo o pasado ano na cidade, onde se rexistraron a metade —un total de 20— das axudas concedidas en toda Galicia.

Imaxes relacionadas