A Xunta colaborará coa Federación Galega de Micoloxía para contribuír á divulgación das potencialidades deste aproveitamento forestal

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal reuniuse con membros da xunta directiva desta entidade

O Plan Forestal de Galicia 2021-2040 prevé actuacións de fomento e investigación sobre aproveitamentos micolóxicos, así como sobre outras producións do monte como o mel, as plantas aromáticas e medicinais ou os froitos silvestres

Santiago de Compostela, 14 de febreiro do 2022

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, vén de reunirse con membros da xunta directiva da Federación Galega de Micoloxía para estudar as posibilidades de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e esta entidade. Así, no encontro que mantivo co presidente da Federación, José María Traba, e co vicepresidente, Manuel Costas, tratáronse aspectos como o desenvolvemento normativo ou a divulgación da actividade micolóxica.
O aproveitamento de cogomelos está regulado en Galicia a través dun decreto no que se establecen tres tipos de aproveitamentos: para consumo propio -ata un máximo de dous quilos por persoa e día, sempre que non sexan produto de plantación-, comerciais -requiren autorización do propietario do monte e estarán sometidos á autorización explícita e por escrito do propietario- e con fins científicos -limitado a cinco unidades representativas enteiras por especie-.
Por outra banda, cabe destacar que o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 "Cara á neutralidade carbónica” prevé que se realicen actuacións de fomento e investigación (I+D+i) sobre aproveitamentos micolóxicos, así como sobre outras producións do monte como son o mel, as plantas aromáticas e medicinais, os froitos silvestres e outros produtos non madeirables.

Imaxes relacionadas