A Xunta mantén aberto o prazo para solicitar máis de 2,4 M€ en axudas para o desenvolvemento de proxectos piloto, novos produtos, prácticas e tecnoloxías no sector agrario

Esta liña de achegas está destinada a fomentar a innovación nestes ámbitos produtivos mediante a incorporación de novidades ou coa aplicación de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías xa existentes onde tradicionalmente non se utilizaban

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2022

A Xunta lembra que continúa aberto -deica o vindeiro 28 de febreiro- o prazo para solicitar as axudas destinadas ao apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, no ámbito agroforestal. Esta liña de achegas da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten un orzamento de 2,4 millóns de euros (480.263 euros en 2022, 1.440.789 euros en 2023 e 480.263 euros en 2024).

Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, estas axudas concédense cos obxectivos de mellorar a competitividade dos produtores primarios integrándoos mellor na cadea agroalimentaria a través de réximes de calidade, de engadir valor aos produtos agrarios e de facer promoción en mercados locais e en circuítos de distribución curtos, agrupacións e organizacións de produtores e organizacións interprofesionais.

Ao mesmo tempo, estas achegas contribuirán a facilitar a entrada no sector primario de agricultores adecuadamente formados, ao uso máis eficiente da enerxía na agricultura e na transformación de produtos agrarios e a promover a subministración e o uso de fontes renovables de enerxía, subprodutos, residuos e demais materia prima non alimentaria para impulsar o desenvolvemento da bioeconomía.

Así, os beneficiarios desta liña de subvencións poderán ser organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura, gandería ou silvicultura e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

En canto ás accións subvencionables, as áreas prioritarias de actuación son a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a industria e cadea agroalimentaria, a bioeconomía e a aplicación das tecnoloxías da información e comunicación ao sector.

Imaxes relacionadas