A Atriga habilita desde hoxe o pago de impostos a través dun tpv físico nas súas delegacións

A iniciativa permite realizar o pago das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2022

A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) habilita desde hoxe a posibilidade de realizar nas súas delegacións o pago das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados por importe de ata 3.000 euros a través dun TPV físico.

Os cidadáns poden realizar este pago mediante tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria –e sen comisión de utilización para o contribuínte- no mesmo momento no que están a realizar a presentación dos impostos e coa mesma cita que soliciten para ser atendidos de xeito presencial en calquera das cinco delegacións da Atriga (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo).

Trátase de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias dos cidadáns, evitando os desprazamentos ás entidades bancarias co conseguinte aforro de tempo e custes na realización dos trámites tributarios. Ademais, a medida enmárcase nas actuacións desenvoltas pola Axencia Tributaria de Galicia para reforzar e avanzar na información, e simplificar a asistencia a todos os cidadáns.