A Xunta lembra que segue aberto o prazo para presentar candidaturas á décimo terceira edición dos premios ao Desenvolvemento Rural de Galicia dotados con 80.000 euros

Estes galardóns están dirixidos aos proxectos que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada

Hai oito categorías con 10.000 euros para cada un dos gañadores, que terán que reinvestir nos seus proxectos
 

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2022

A Xunta lembra que aínda se poden presentar candidaturas -concretamente, ata o próximo 28 de febreiro- á décimo terceira edición dos Premios ao desenvolvemento rural de Galicia. Dotados con 80.000 euros -a razón de 10.000 euros para cada un dos gañadores das oito categorías establecidas-, estes premios buscan recoñecer aquelas iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada.

As candidaturas poderán enmarcarse en oito categorías: de mozos, para persoas de menos de 40 anos; paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas que se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres rurais, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de recuperación e posta en valor da terra agraria.

Reinvestimento

Cada un dos premiados recibirá un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros que se deberá reinvestir na iniciativa gañadora para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Poderán presentar a candidatura, e só nunha categoría, tanto as persoas físicas como xurídicas de natureza privada que executaran un proxecto en Galicia.

Quedarán excluídas aquelas iniciativas que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións dos premios Agader ou que se encontren en fase de deseño ou execución na data de publicación da convocatoria dos premios. Así mesmo, tampouco poderán concorrer aqueles proxectos que estean relacionados coa exportación a terceiros países ou estados membros.

Entre os criterios de valoración estará o feito de como a iniciativa influíu na actividade económica do territorio e á creación do emprego. Así mesmo terase en conta o seu grao de sustentabilidade, de innovación e de consolidación. A nivel social, valorarase tanto a súa contribución á incorporación e inserción laboral da muller no proxecto, como o seu grao de implicación en políticas de igualdade. Tamén sumarán puntos aquelas iniciativas que favorezan a inserción de colectivos ou persoas desfavorecidas e as que dean apoio social, en xeral.

Convocatoria anterior

Na pasada edición recibíronse un total de 82 propostas, cun récord de participación, onde medraron de maneira especial as iniciativas no eido da recuperación de terras agrarias (11 propostas), mulleres (15 iniciativas) e turismo (16 proxectos).


Bases completas dos premios, publicadas o pasado 27 de xaneiro:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220127/AnuncioO90-301221-0011_gl.html

Para máis información sobre a convocatoria, premer aquí:
https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda/premios-agader/