A Xunta mantén aberto o prazo para solicitar ata 3 M€ en axudas para proxectos de investimento en actividades non agrícolas

Esta liña de achegas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural busca apoiar, por unha banda, a adquisición de maquinaria e de equipamento en empresas existentes no rural e, por outra, promover novas actividades empresariais en aldeas modelo

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2022

A Xunta lembra que segue aberto -deica o vindeiro 25 de febreiro- o prazo para solicitar ata 3 millóns de euros en axudas para proxectos de investimento en actividades non agrícolas. Cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, un total de 2,6 millóns de euros dese orzamento están asignados a este ano, mentres 400.000 euros corresponden ao vindeiro exercicio de 2023.

O obxectivo desta convocatoria da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural é dobre. Por unha banda, a Xunta reserva 2,3 millóns de euros do presuposto a apoiar a adquisición de maquinaria e de equipamento en empresas existentes que desenvolvan actividades empresariais non agrícolas no territorio rural galego co gallo de contribuír á súa mellora, ampliación e/ou modernización. Mentres, os outros 700.000 euros serán para apoiar a posta en marcha de novas actividades empresariais de carácter non agrícola nas aldeas modelo xa declaradas, nunha decidida aposta por consolidar e impulsar os instrumentos que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Así, poderán beneficiarse destas axudas as microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de setembro do ano pasado, aínda que no caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo admitiranse empresas en constitución ou constituídas con posterioridade a esa data.

Tamén poderán acceder ás achegas persoas físicas que residan nunha zona rural e que estean suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, desde antes do 1 de setembro de 2021 ou despois, no caso tamén de proxectos en aldeas modelo. O mesmo requisito en canto ás datas de alta como autónomo ou de constitución de persoas xurídicas aplica tamén para o terceiro tipo de beneficiarios, isto é, titulares dunha explotación agraria ou membros da súa unidade familiar que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.


Enlace á resolución no DOG, publicada o pasado 25 de xaneiro:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220125/AnuncioO90-301221-0001_gl.html

Para máis información sobre esta convocatoria, premer aquí:
Ampliación e modernización de empresas non agrícolas | AGADER (xunta.gal)