A Xunta e a Federación Galega de Comercio deseñan novas medidas para impulsar a dixitalización, a sostibilidade e a formación no sector

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, no que avaliaron as liñas de colaboración para os próximos meses

Ambos destacaron a oportunidade que poden supoñer os fondos europeos de recuperación na transformación do sector
 

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, no que se avaliaron as liñas de colaboración para os próximos meses, dentro do contacto permanente que a Xunta mantén co sector.

Na reunión, na que tamén participou o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, o vicepresidente económico avaliou as diferentes propostas trasladadas polos comerciantes de cara á posta en marcha de novos programas e convocatorias de axudas.

Tanto Francisco Conde como José María Seijas salientaron a necesidade de seguir traballando na competitividade do comercio de proximidade desde eidos como a dixitalización, a sostibilidade e ecoinnovación e a formación permanente dos profesionais, adaptando o comercio de proximidade ás novas tendencias e hábitos de consumo, así como ao actual contexto económico.

Neste sentido, na xuntanza destacouse a oportunidade que poden xogar os fondos europeos de recuperación na transformación do sector, que xoga un papel estratéxico na creación de emprego e na dinamización das vilas e cidades galegas.
 

Imaxes relacionadas